O 75% das mulleres con problemas de saúde mental sufriu violencia no ámbito familiar ou de parella. Cando isto ocorre, o 42% non a identifica como tal e, ás que si a recoñecen e denúnciano, non se lles dá credibilidade debido ao seu trastorno mental.
Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA quere poñer o foco sobre esta realidade a través da campaña #NosotrasSíContamos, cuxo obxectivo é concienciar da situación de vulnerabilidade que viven estas mulleres fronte ás violencias machistas, e esixir que se cumpran os seus dereitos.
Un total de sete mulleres con problemas de saúde mental pertencentes ao movemento asociativo de SALUD MENTAL ESPAÑA, denuncian nun vídeo que “ser muller é un factor de risco á hora de ter un problema de saúde mental”. “Aínda que é invisible”, indican, “a violencia machista provoca problemas de saúde mental”. A falta de credibilidade á hora de denunciar a violencia que sofren é un dos problemas que poñen sobre a mesa as participantes nesta campaña: “Ao ter dificultades de saúde mental, non se nos cre cando o denunciamos”, sinalan.
Ante esta situación, as mulleres reclaman o seu dereito para recibir unha atención adecuada, en igualdade e con todas as garantías nos sistemas de protección de violencia de xénero, de saúde e xurídicos, algo que a día de hoxe non se cumpre. Reclaman ademais que os equipos profesionais teñan formación en xénero e violencia machista, así como máis apoios para recoñecer e detectar situacións de violencia. Todas estas reivindicacións forman parte das conclusións do II Taller de Mulleres, celebrado o pasado mes de xuño, e que nun futuro darán lugar a un manifesto.
Para terminar, as participantes da campaña #NosotrasSíContamos reivindican que a súa experiencia pode “axudar a outras mulleres na detección e denuncia de casos de violencia de xénero” e reclaman ser escoitadas porque a súa voz “é fundamental para a sensibilización en saúde mental e violencia machista”.
Esta campaña contou co financiamento do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade a través da Convocatoria de Subvencións con cargo ao IRPF.
