O 40,4% das mulleres en España sufríu acoso sexual nalgún momento da súa vida, o 17,3% delas no ámbito laboral. As consecuencias para a saúde mental de sufrir violencia poden ser moi graves.
A Confederación SAÚDE MENTAL ESPAÑA lanza en redes a súa camapañan #NosotrasSíContamos, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra hoxe, 25 de novembro. Este ano, centrada na loita contra as violencias machistas no entorno de traballo.
O acoso sexual, a fenda salarial, o acoso laboral por razón de sexo, a feminización de certos empregos, a precarización ou a discriminación por exercer dereitos laborais recoñecidos, son algunhas das violencias que moitas mulleres afrontan nos seuis traballos.
Cunha serie de infografías e un vídeo, SAÚDE MENTAL ESPAÑA recolle estas situacións e algunhas consecuencias psicolóxicas que desencadean. En moitos casos, devastadoras.
Sacando á luz todas as violencias
O acoso sexual é, quizais, a violencia máis evidente. Abarca desde os comentarios obscenos ou bromas de carácter sexual, ata o contacto físico non consentido e a agresión sexual física, pasando polo envío de mensaxes de contido sexual a cambio de melloras laborais ou baixo ameaza de despido.
Pero non é o único. A campaña #NosotrasSíContamos denuncia tamén como violencias todas as discriminacións, abusos ou humillacións por razón de sexo.
A sobrecarga de traballo é unha das formas de violencia máis comúns. Tamén ocupa un lugar importante a fenda salarial, que en 2022 se situaba no 15,7% de diferencia mensual bruta entre homes e mulleres.
Tamén apuntan á discriminación ou acoso que sofren as mulleres por exercer dereitos recoñecidos como o de conciliar ou por pedir a baixa por menstruación, recoñecida desde 2023.
E non esquecen tampouco a precariedade salarial que acompaña aos traballos feminizados. O traballo doméstico, especialmente, é o sector máis feminizado e onde se producen maiores situacións de abuso debido á maior vulnerabilidade das mulleres deste sector.
A tripla discriminación das mulleres con problemas de saúde mental
Fronte ás mulleres que desenvolven un problema de saúde mental derivado das violencias nas contornas laborais, atópanse as mulleres cun problema de saúde mental que intentan conseguir ou manter un posto de traballo.
Sofren unha tripla discriminación: por ser muller, por ter unha discapacidade e por ter un problema de saúde mental.
Para elas, o risco de sufrir violencia no entorno laboral é maior. O que pode acentuar a súa enfermidade, provocar que teñan que deixar de traballar e con iso que perdan autonomía e autoestima.
3 de cada 4
Non pasa soamente no entorno laboral. As mulleres con problemas de saúde mental tamén teñen máis posibilidades de sufrir violencia de xénero dentro da familia ou da parella.
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia quixemos poñer o foco nesta realidade. A posibilidade de sufrir violencia de xénero para as mulleres con problemas de saúde mental multiplícase entre 2 e 4 en relación ao resto de mulleres. E moitas delas non son conscientes da situación que están a vivir. Carecen das ferramentas necesarias para identificar a súa situación e, polo tanto, para poder pedir axuda ou incluso denunciar.
Tamén queremos sinalar que, cando denuncian a súa situación, as mulleres con problemas de saúde mental teñen maior dificultade para ser cridas. Argumentos como que “están descompensadas psicolóxicamente”, “esaxeran a situación” ou que “elas provocan esa violencia co seu comportamento” non só impiden que se actúe para protexelas, senón que provoca que moitas delas non denuncien.
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia reivindicamos a necesidade de apoiar como é debido ás mulleres vítimas de violencia con problemas de saúde mental. Para iso é necesario escoitalas, atendelas e respectar as súas decisións e os seus tempos; non culpabilizalas nin xulgalas; apoialas respectando a súa autonomía; e darlles ferramentas que reforcen a súa autoestima e apoderamento.