Skip to main content

Incorpora Galicia é un programa de Obra Social “la Caixa” para a integración laboral de colectivos en risco de exclusión social do que forman parte sete entidades sociais galegas. A través de Incorpora, as entidades forman ás persoas a partir das necesidades das empresas e capacitan ós profesionais á medida dos seus empregadores. 

FEAFES Galicia forma parte do Grupo Incorpora da nosa comunidade, realizando deste xeito accións para favorecer a inserción laboral das persoas con enfermidade mental. A través deste programa, FEAFES Galicia ofrece un servizo integral gratuíto con técnicos de inserción laboral que proporcionan todo o asesoramento necesario para a empresa, así como pleno apoio en todas as fases do proceso: dende a selección ata a completa integración no posto de traballo.

Os programas de responsabilidade social contribúen a mellorar a nosa sociedade e, á súa vez, repercuten positivamente na imaxe da propia empresa, tanto entre os seus accionistas como entre os seus traballadores e clientes.

No primeiro semestre do 2015, FEAFES Galicia logrou superar a metade dos obxectivos marcados para todo o ano en varios indicadores do programa Incorpora de Obra Social “la Caixa”. Por exemplo, no que levamos de ano, a Federación atendeu a un total de 254 usuarios en busca de emprego (un 82% do obxectivo anual) e logrou insertar no mundo laboral a 38 demandantes de emprego (un 76% do obxectivo anual).

En canto ás relacións coas empresas, entre xaneiro e xuño do 2015, FEAFES Galicia visitou 74 empresas xa coñecidas e 36 novas coa fin de informar e asesorar ós empresarios sobre a contratación de persoas con enfermidade mental. De entre elas, 8 asinaron convenios de colaboración coa entidade (moi por riba dos 5 convenios programados para todo o ano) e logrouse a inserción laboral de 5 usuarios con empresas conveniadas (a totalidade dos programados para todo o 2015).

Cabe destacar o esforzo realizado en canto á prospección laboral na gran empresa, pois no primeiro semestre do ano FEAFES Galicia visitou 9 empresas grandes, número moi superior ó programado para todo o ano, que tan só contemplaba dúas visitas.