Skip to main content
A asociación de saúde mental A Mariña, con centros en Burela, Ribadeo e Cervo, ten previstos dous pases da súa obra teatral “A marabillosamente de Alicia” onde o público non será outro que docentes e alumnos de 6 a 12 anos de distintos colexios da comarca das Mariñas.
O martes 16 de maio, ás 11:00, a asociación ten unha cita con 345 alumnos dos colexios Vista Alegre e Virxe do Carme, que acudirán ao Auditorio Municipal de Burela para gozar desta función. Pola súa banda, o xoves 18 ás 11:00 interpretarase a mesma obra na Casa da Cultura de San Ciprián para os alumnos do colexio desta localidade, do cal hai confirmados 132 asistentes. 
“A marabillosa mente de Alicia” é unha adaptación teatral da obra literaria na que unha moza entra nun mundo subterráneo de sorprendentes aventuras e personaxes extravagantes. Nesta peculiar versión, dende a escenografía ata a construción e interpretación dos personaxes foron realizadas polos usuarios da asociación A Mariña, que demostran con este espectáculo as súas capacidades e dotes artísticas.
 
Estas dúas funcións teatrais enmárcanse dentro dunha campaña de sensibilización e loita contra o estigma que está levando a cabo a asociación A Mariña, a través da cal pretende facer ver á cidadanía a faciana máis normalizada e integradora das persoas con problemas de saúde mental.

A saúde mental, máis preto dos alumnos

Ademais desta iniciativa, A Mariña está a levar a cabo outras accións para achegar a realidade da saúde mental a alumnos e docentes de distintos centros da comarca. O venres 28 de abril, un centenar de alumnos e profesores do C.E.I.P. de Cervo puideron coñecer de primeira man as actividades que se realizan nesta asociación a través dunha visita ás instalacións da Unidade Residencial de Cervo.
Os días 4 e 8 de maio, profesionais da asociación achegáronse ao Instituto Monte Castelo de Burela para impartir unha charla sobre saúde mental aos alumnos de Coidados Auxiliares de Enfermería. A través deste coloquio, preténdese informar e sensibilizar aos mozos e adolescentes, así como axudalos a previr os problemas de saúde mental e a identificar os seus síntomas de forma temperá.
Todos os alumnos cos que está a traballar a asociación a través destas iniciativas están convidados a visitar a exposición de pintura “Transformacións”, unha mostra artística pertencente a un dos usuarios da asociación que estará na Casa da Cultura de Burela ata o 31 de maio.
A través de actividades coma estas, que fomentan o contacto cos usuarios da asociación, os alumnos e profesores dos centros da comarca poden ver de primeira man como son no seu día a día as persoas con problemas de saúde mental.