Desde o ano 2010 desenvolvemos o Programa de Atención Integral a Mulleres con enfermidade mental en situación de vulnerabilidade, gracias á colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade.
Ser muller, en situación de risco e ter unha enfermidade mental implica sufrir unha tripla vulnerabilidade. Para paliar as desvantaxes coas que se poden atopar as mulleres nesta situación, Saúde Mental FEAFES Galicia, coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade, leva 14 anos desenvolvendo o programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental.
Este ano, puidemos prestar apoio e atención a 52 mulleres de toda Galicia. O noso obxectivo é fomentar a igualdade de oportunidades que contribúa á redución da discriminación na que se encontran estas mulleres. Ao mesmo tempo, procuramos que adquiran ferramentas para reforzar a súa autonomía e independencia. Todo isto, coa finalidade de mellorar a súa situación persoal, social e laboral.
Accións para reforzar a autonomía e a autoestima
No Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, realizamos actividades coas participantes que axuden a mellorar a súa calidade de vida.
Dentro das accións que se levan a cabo neste programa está o servizo de orientación e información especializado, grazas ao cal ofrecemos apoio directo e acompañamento nas relacións con outras entidades e servizos.
Tamén ofrecemos atención psicolóxica para orientar e acompañar ás participantes na comprensión do seu problema de saúde mental. Ao mesmo tempo que dotamos de estratexias e habilidades para manexar posibles crises e para abordar as necesidades propias dende unha perspectiva empoderante.
Prestamos, ademais, asesoramento xurídico a 20 usuarias e as súas familias sobre temas administrativos, civís, penais ou de vulneración de dereitos.
Outra das nosas accións consiste na mediación familiar. Informamos e formamos a 23 familias e persoas de referencia sobre problemas de saúde mental, causas, consecuencias e como abordalos.
Un dos pilares da atención a mulleres é a orientación laboral. Neste apartado, elaboramos itinerarios personalizados de inserción laboral coas mulleres participantes. Durante o proceso traballamos técnicas de busca de emprego, habilidades sociolaborais, facemos intermediación laboral,etc.
E, finalmente, realizamos accións formativas que permitan a adquisición de habilidades persoais e sociais básica ou de competencias para a mellora da empregabilidade. Ofertamos un total de 25 obradoiros en toda Galicia dos que podemos destacar o de prevención de malos tratos, autoestima e autocoidados, psicoeducación; afectividade, sexualidade e anticoncepción; competencias dixitais e trámites online, micromachismos, habilidades sociais e educación emocional.