A Deputación de Pontevedra colabora con Saúde Mental FEAFES Galicia no Programa de Atención Integral a Mulleres cun problema de saúde mental.
Desde xaneiro do 2025, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolve o programa de “Atención Integral a Mulleres cun problema de saúde mental”. Esta iniciativa, que remata este mes, realizouse grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra.
O programa de “Atención Integral a Mulleres” busca paliar as desvantaxes coas que se podan atopar as mulleres con enfermidade mental en situación de vulnerabilidade. Grazas a este proxecto, prestamos atención e apoio a 60 mulleres residentes en municipios de Pontevedra. O noso obxectivo é fomentar a igualdade de oportunidades e contribuír á redución da discriminación que sofren estas mulleres. Ao mesmo tempo, procuramos que adquiran ferramentas para reforzar a súa autonomía e independencia. Todo isto, coa finalidade de mellorar a súa situación persoal, social e laboral.
Apoiamos ás mulleres e as súas familias
No programa de “Atención Integral a Mulleres cun problema de saúde mental”, realizamos actividades que axuden a mellorar a calidade de vida das participantes.
Dentro das accións que se levan a cabo neste programa está a elaboración dun plan individualizado de intervención que establecemos en consenso coas mulleres participantes.
Ofrecemos, así mesmo, un servizo de orientación e información especializado, grazas ao cal damos apoio directo e acompañamento nas relacións con outras entidades e servizos.
Tamén acompañamos ás participantes na comprensión do seu problema de saúde mental. Ao mesmo tempo que dotamos de estratexias e habilidades para manexar posibles crises e para abordar as necesidades propias dende unha perspectiva empoderante. E, ademais, ofrecemos apoio e acompañamento social e familiar. Asesoramos ás familias e persoas de referencia sobre problemas de saúde mental, causas, consecuencias e como abordalos.
Co programa “Atención Integral a Mulleres cun problema de saúde mental” podemos seguir traballando para que a tripla discriminación que supón ser muller, con enfermidade mental e en situación de risco; non corte as posibilidades de futuro destas mulleres.
Coa colaboración de:


