A propósito do 8M, lanzamos unha serie de fotografías e testemuños para poñer en valor e dar visibilidade ás mulleres do rural con problemas de saúde mental.
Hoxe, 8 de marzo, conmemórase o Día da Muller. Con este motivo, dende Saúde Mental FEAFES Galicia queremos poñer en valor o papel das mulleres con problemas de saúde mental que viven no rural. Un colectivo moi invisibilizado e que conta con numerosas dificultades para acceder ós recursos necesarios para o desenvolvemento dunha vida plena e independente.

Para isto, fotografamos e entrevistamos a catro mulleres que viven no rural de Ourense. En concreto, nos concellos de Vilanova dos Infantes, Verea e Entrimo.
María Felisa cóntanos que “no rural ten o seu horario, tranquilidade, pode facer a súa vida… pero non ter recursos preto é un gran obstáculo”. Na mesma liña se pronuncia Maira: “no rural os servizos son poucos, só hai un centro médico, as citas demóranse e os desprazamentos poden ser un problema.”

Pola súa parte, María José destaca que os prexuízos que aínda existen cara os problemas de saúde mental, dificultan considerablemente a vida e o desenvolvemento persoal das mulleres coma ela: “cando temos unha enfermidade mental, pasamos a ser persoas de segunda por culpa do estigma que hai na sociedade”, asegura. Non obstante, saber convivr con esa realidade e ter acceso ós recursos apropiados, ofrece unha perspectiva da vida moito máis prometedora: “eu penso no día a día”, di María, “o meu reto é non empeorar e seguir como ata agora”, engade.
Luces e sombras da salud mental no rural

Estas catro mulleres aseguran que a tranquilidade asociada á vida no rural pode ser moi beneficiosa para a saúde mental. Non obstante, é frecuente que nestes entornos se atopen soas, se apoio nin acceso a recursos próximos. Por iso, fan un chamamento a non ser esquecidas e a que exista a posibilidade dunha atención adeucada á saúde mental tamén no rural. “Quero seguir sendo independente e non ser unha carga para ninguén. Agora estou nun momento tranquilo e quero continuar estable”, conclúe María Felisa.
Podes apoiar esta campaña nas nosas redes sociais

Un achegamento ás mulleres rurais con problemas de saúde mental
Para dar resposta á realidade de mulleres como María José, Maira, María Felisa e María; Saúde Mental FEAFES Galicia puxo en marcha este ano o Programa de Apoio a Mulleres nos ámbitos Rural e Urbano, que conta cunha liña de actuación específica para mulleres con problemas de saúde mental que residen en concellos rurais de menos de 5.000 habitantes.
O obxectivo é favorecer a integración social e laborar destas mulleres, potenciando así a súa autonomía e a consecución dunha vida plena. Para isto, realízanse actuacións personalizadas e individualizadas de diversa natureza como achegar información, orientación e asesoramento, formación, prácticas laborais, prospección de empresas e intermediación laboral ou favorecer a movilidade xeográfica. A través deste programa, beneficiaranse un total de 60 mulleres de toda a xeografía galega.


