Mulleres usuarias e profesionais de Saúde Mental FEAFES Galicia colaboran nun vídeo do 8M para reivindicar #QueQuerenAsMulleres
O 8 de Marzo conmemórase a loita polos dereitos de todas as mulleres. As mulleres con problemas de saúde mental sofren día a día unha tripla discriminación: o estigma asociado aos problemas de saúde mental, o rexeitamento que provoca a discapacidade e as dificultades derivadas de ser muller. Pero, aínda así, son frecuentemente invisibilizadas.
A pesar de que a saúde mental das mulleres se recoñece como o campo de maior impacto no benestar individual, familiar e social, non existe unha abordaxe de xénero nas políticas de saúde mental.
Atópanse contínuamente con obstáculos no eido laboral por mor do estigma. Como consecuencia, carecen de recursos económicos, polo que a miúdo son dependentes das súas parellas e familiares.
Por outra banda, moitas ven dificultado o exercicio da súa maternidade. Son xulgadas e consideradas incapaces polo feito de ter un problema de saúde mental.
Tamén é un feito recoñecido que o risco destas mulleres de sufrir violencia de xénero multiplícase entre 2 e 4 veces respecto ás mulleres en xeral. Cando se dan estas violencias, o 42% non as identifica como tal. E, frecuentemente, cando as recoñecen e as denuncian, non se lles dá credibilidade debido ao seu trastorno mental.
#QueQuerenAsMulleres
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, quixemos reivindicar o lugar que ocupan as mulleres con problemas de saúde mental na defensa e loita polos dereitos de todas. Por iso, profesionais e usuarias da entidade colaboramos nun vídeo baixo o hashtag #QueQuerenAsMulleres.
Neste vídeo, difundido na nosa conta de instagram, reclamamos visibilidade, protección, igualdade de dereitos, capacidade de decisión, credibilidade e corresponsabilidade nos coidados entre outras cousas.
Queremos mostrar que os dereitos e as reivindicacións das mulleres con problemas de saúde mental son os dereitos de todas. Por iso pedimos tamén que colabores sumándote á campaña. Sube o teu vídeo ás redes con hashtag #QueQuerenAsMulleres e etiquétanos; ou simplemente difunde a campaña para que esta mensaxe chegue ao maior número de persoas posibles.
Polos nosos dereitos. Polos de todas