O inspector Sánchez investiga a identidade de dous cadáveres calcinados que aparecen nas inmediacións da praia coruñesa do Matadoiro en plena madrugada de San Xoán do ano 2000. Axiña descobre que un deles pode ser Gustavo Gallego, un curmán do comisario, a quen se lle encomenda a misión de atopar o seu familiar desaparecido. Cando comproba que está vivo, inicia a súa busca por distintas cidades envolvéndonos nunha novela que mestura intriga, corrupción e punidade con amor, convivencia e loucura.
Este é o argumento de “A antesala luminosa”, unha novela editada por Xerais que se atopa á venda nas librarías galegas dende o pasado mes de febreiro. O seu autor, Antonio Tizón, naceu o 2 de xullo de 1960 en Aranga (A Coruña), é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e traballou como xornalista e profesor.
A súa dedicación á escritura comezou cando lle foi concedida unha incapacidade absoluta a causa dun trastorno bipolar que padece, o cal permitiulle consagrar máis tempo á pluma e publicar esta novela que aborda a enfermidade mental como un dos temas fundamentais do libro.
Tras a súa presentación na Coruña, la novela chega agora a Santiago de Compostela nun acto que terá lugar o mércores 25 de marzo ás 20:00 na libraría Couceiro (Praza de Cervantes). Ademais do autor, Antonio Tizón, e do editor, Manuel Bragado, nesta presentación intervirá Ramón Rodríguez, filólogo, que dará a visión máis literaria do libro; Aser Álvarez, xornalista, que falará do marco histórico no que se desenvolve a trama; e Lucía Pérez, psiquiatra, que analizará o tratamento que se fai na novela sobre a enfermidade mental, especialmente sobre o trastorno bipolar.
Para máis información sobre “A antesala luminosa”, podes consultar a súa ficha completa aquí.