Todos os anos arredor do 24 de xullo, Ribeira paralízase para celebrar a Dorna, unha das festas máis populares, participativas e divertidas de toda Galicia. Sen embargo, este ano, a Real e Ilustre Confraría da Dorna quixo estender o espírito desta festa máis alá do verán, e para iso aliouse coa asociación de saúde mental A Creba e a asociación de diversidade funcional Ambar.
Os usuarios destas dúas entidades estiveron a deseñar e elaborar unha serie de adornos navideños inspirados no símbolo da Dorna, unha flor de catro pétalos vermella e verde. Así foi como se puxeron á venda distintos modelos de colgantes dorneiros para a árbore, ademais de outros produtos como pezas de coiro e cadernos inspirados nos carteis da festa da Dorna.
Tamén tiveron moito éxito o Dornamiro e a Donalena, dous bonecos nomeados fillos predilectos da Real e Ilustre Confraría que poden personalizarse con calquera indumentaria: Papá Noel, o Apalpador, elfos navideños…
Ademais de tratarse dunha iniciativa creativa e orixinal, os adornos dorneiros de Nadal tamén teñen unha intención solidaria. Todo o diñeiro recadado a través da venda dos colgantes, bolas e dornas de distinto tipo realizadas para vestir os fogares ribeirenses é destinado á creación dun Fondo Dorneiro de Emerxencia Social, a través do cal se atenderán as necesidades sociosanitarias dos veciños de Ribeira. A iniciativa foi todo un éxito, e hoxe pódese dicir que ducias de árbores de Nadal da comarca locen as cores da Confraría da Dorna.