Skip to main content

A asociación de persoas con enfermidade mental A Creba non quere deixar pasar a oportunidade de amosar os seus produtos artesáns alá onde sexa posible, e por iso participarán este mes en dúas feiras temáticas da comarca do Barbanza.

Os días 18, 19 e 20 de xullo, a Feira Medieval de Noia contará coa presenza desta asociación, que realiza diversos produtos como cestería, pasta de papel, obxectos en coiro, feltro, lá, teares en alto e baixo lizo, etc. O de A Creba será un dos 156 postos que animen a feira, un evento que promete orixinalidade, vistosidade, diversión e moita afluencia de xente.

Por outra banda, os días 25, 26 e 27, a cita será en Porto do Son, onde se celebrará a xa consolidada Feira Celta. Neste encontro, case a totalidade dos postos artesáns gardan unha relación directa co mundo celta, ademais de haber unha animación continua con pasarrúas, magos, demos celtas e personaxes que percorren a vila durante todo o día. 

A asociación A Creba tamén estará presente nestas tres xornadas poñendo á venda os produtos artesáns elaborados polos seus usuarios. O seu posto incluirase nun cartel no que tamén haberá outras moitas actividades que trasladarán a vila varios séculos atrás, vestíndose de época e contando con espectáculos de animación que encherán de ledicia o mercado.

Se queres consultar previamente o tipo de produtos artesáns que realiza a asociación A Creba, podes visitar a súa web ou seguir o seu Facebook

medieval noia.jpg          celta porto do son.jpg