Skip to main content
Novas

A asesoría xurídica de Feafes Galicia atende case 200 consultas ao ano

By 25 de Outubro de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

Feafes Galicia dispón dun servizo de asesoría xurídica gratuíto para todas aquelas persoas con enfermidade mental, familiares, asociacións e profesionais que necesiten orientación en temas de pensións, herdanzas, incapacitacións, problemas penitenciarios ou laborais.

Ao longo de todo o ano 2011, o servizo de asesoría xurídica de Feafes Galicia atendeu un total de 175 consultas, unha cifra que está previsto superar en 2012, debido ao incremento no número de casos atendidos no que vai de ano.

Á hora de analizar as consultas atendidas en 2011, podemos comprobar que as peticións proveñen de diferentes vías: 77 son de persoas con enfermidade mental, 69 de familiares e 29 de profesionais.

En canto ao ámbito das consultas, a maior parte, 81 casos, encádranse dentro da orde civil. En concreto, destacan os casos de incapacidades civís e de internamentos hospitalarios involuntarios e asuntos de familias como adopcións, herdanzas ou divorcios.

Ademais, no ámbito social, atendéronse un total de 39 casos; na orde administrativa 32 consultas e, en canto á xurisdición penal, 23 casos.

Por outro lado, é importante destacar que dentro dos bos resultados da enquisa de satisfacción realizada entre os usuarios de Feafes Galicia, o servizo que obtivo unha mellor puntuación foi o de asesoría xurídica, cunha puntuación media de 3,97 sobre 5. Concretamente, o máis valorado é que o asesor emprega unha linguaxe clara que lle permite entendelo correctamente.