O I Torneo de Fútbol Sala de “A Nosa Champions” disputouse o pasado venres en Potevedra. Contou coa participación das asociacións Doa, Alba, Lenda e Alume.
O venres 27 de febreiro ás 10h da mañá, o pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra recibía aos equipos participantes do I Torneo “A Nosa Champions” deste 2026. Na xornada participaron os equipos das asociacións Lenda, Alume, Alba e Doa.
Este torneo, forma parte da liga por concentracións que Saúde Mental FEAFES Galicia realiza coa colaboración da Real Federación Galega de Fútbol Sala e co patrocinio de Saunier Duval, e que terá dous torneos máis: o seguinte, en Lugo o 10 de abril e o último terá lugar en Santiago de Compostela nunha data aínda por confirmar entre xuño e xullo.
Alba enfrontouse na final contra o equipo de Doa
Ás 10h comezaba a fase de grupos na que todos os equipos se enfrontaron entre si. A continuación, ás 12h, tiveron lugar as semifinais. Dunha banda enfrontáronse os equipos de Alba e Lenda, onde Alba se fixo co acceso á final. E por outra banda, xogaron Doa e Alume, pasando finalmente o conxunto de Doa a disputar a final.
Ás 13h comezaba o encontro definitivo. Doa e Alba ofreceron un espectáculo de calidade, nun encontro moi axustado que rematou cun marcador de 2-3 a favor do conxunto de Pontevedra. O equipo de Alba alzouse co primeiro posto deste I Torneo de Fútbol Sala “A Nosa Champions”
Tras o encontro, Julio Mougán, presidente do Comité Galego de Fútbol Sala dirixiuse aos xogadores e público para celebrar a participación neste torneo e felicitounos por ter ofrecido un espectáculo tan competitivo e de bo xogo. Pola súa parte, Sandra Bastos, deputada de Benestar social da Deputación de Pontevedra, mostrou a súa admiración cara esta iniciativa e cara a deportividade que amosaron todos os equipos participantes da xornada. A continuación entregou a cada xogador una camiseta conmemorativa e finalmente fíxose entrega do trofeo de campión á Asociación Alba.
Tras toda unha mañá de deporte, os catro equipos participantes compartiron un xantar de confraternización.
Rematada a xornada, tan só nos queda agradecer a asistencia e boa disposición de todos os equipos participantes, así como das estupendas afeccións que animaron o campionato durante todo o día.
Un evento integrador e normalizador
Este torneo, organizado polo servizo de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofren. A través desta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións amosan á sociedade unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a elas.
As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.

Coa colaboración da:



















