O II Torneo de Fútbol Sala “A Nosa Champions” xogouse o pasado venres en Lugo. Contou coa participación das asociacións Doa, Alba, Lenda e Alume.
O venres 10 de abril ás 9h30, entraban na Casa do Deporte de Lugo os equipos particpantes do II Torneo “A Nosa Champions” deste 2026. Na xornada participaron os equipos das asociacións Lenda, Alume, Alba e Doa.
Este torneo, forma parte da liga por concentracións que Saúde Mental FEAFES Galicia realiza coa colaboración da Real Federación Galega de Fútbol Sala e co patrocinio de Saunier Duval, e da que queda un último torneo en Santiago de Compostela o 3 de xullo.
Doa volveuse a enfrontar a Alba na final
Ás 10h comezaba a fase de grupos na que todos os equipos se enfrontaron entre si. A continuación, ás 12h, tiveron lugar as semifinais. Na primeira enfrontáronse os equipos de Alba e Lenda, onde Alba se fixo co acceso á final cun axustado 2-1. E por outra banda, xogaron Doa e Alume, cun resultado de 3-0 a favor de Doa.
A 13h comezaba a gran final entre os equipos de Alba e Doa, que se pechaba cun 2-3 a favor do equipo de Doa, que resultou así gañadora deste II Torneo de Fútbol Sala “A Nosa Champions”.
Tras o encontro, Iván Pico, membro da dirección deportiva da Real Federación Galega de Fútbol; entregou un detalle ao árbitro do torneo. Jorge Bustos, concelleiro da Área de Urbanismo, Deportes e Xuventude do Concello de Lugo, entregou o premio de gañador do torneo ao capitán do equipo da asociación Doa. Na entrega de premios tamén participaron Ana Regueira, presidenta da asociación Alume; e Manuel Trabada, técnico de Deportes do Concello de Lugo.
Finalmente, despois dunha intensa mañá de deporte, os catro equipos participantes compartiron un xantar de confraternización.
Pasada esta estupenda xornada, soamente nos queda agradecer a asistencia e bo xogo de todas as asociacións participantes.
Un evento integrador e normalizador
Este torneo, organizado polo servizo de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofren. A través desta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións amosan á sociedade unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a elas.
As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.

Coa colaboración do:

















