Skip to main content
Novas

A asociación Doa gaña o primeiro premio do XI Concurso de Felicitacións de Nadal de Feafes

By 2 de Outubro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

A undécima edición do concurso organizado pola Confederación FEAFES coa colaboración de Janssen-Cilag, foi todo un éxito de convocatoria. Recibíronse case 300 candidaturas de máis de 20 entidades membro do movemento asociativo de persoas con enfermidade mental e familiares.

Este ano o primeiro premio viaxará ata Vigo (Pontevedra) de cuxa asociación, Doa, é membro a gañadora deste concurso, Reyes Fragueiro. “Boa Nova” é o título que lle deu ao seu debuxo e polo que o Xurado do XI Concurso de Felicitacións de Nadal fallou co primeiro premio.

Ademais de estar dotado de 1.200 euros e unha placa, o debuxo gañador utilizarase para ilustrar as tarxetas coas que a Confederación, e todas as entidades que o soliciten, felicitarán o Nadal 2013.

O segundo premio recaeu na obra “Anxo con Trompeta”, de Manuel Caetano, membro da asociación Feafes Miranda Asayeme (Burgos); mentres que o terceiro foi “É belo o rostro do Señor como bela é o Nadal” de María Rosa Martínez, da asociación Afemar (Murcia). Ambos os dous premios están dotados de 600 euros e unha placa. O acto de entrega dos galardóns terá lugar na sede da Confederación en Madrid o venres 13 de decembro.

A asociación Doa, premiada por cuarto ano

Con este premio, son xa catro galardóns consecutivos os que suma a asociación Doa no Concurso de Felicitacións de Nadal de Feafes. En tres ocasións gañaron usuarios do CRPL de Vigo e nunha ocasión, un de Cangas. Sempre foron primeiros premios, agás nunha ocasión que foi o segundo posto.

Este éxito débese a que a asociación leva 25 anos realizando talleres de pintura e gravado, que imparte Pilar Fernández Rey, quen explica que nas súas clases potencia moito a faceta artística e que levan anos participando no Concurso de Felicitacións de Nadal.

Segundo Piar Fernández, “veñen 14 persoas en total, pero acoden en grupos pequenos de tres ou catro persoas”, xa que van alternando as súas clases coa terapia cos psicólogos, os talleres de xardinaría ou cartón-pedra e o grupo de lectura. A monitora asegura que a clave do éxito é que traballamos moito a expresividade, valóroo máis que ser académico”, xa que se pode aprender a debuxar, pero non a crear”. Así mesmo, con estes talleres quérese evitar que copien a obra doutros artistas” e poténciase “que se inspiren do natural”.

 

Imagen14.jpg