Skip to main content
A situación de crise provocada polo coronavirus está a impactar fortemente sobre moitas esferas da sociedade, e o mercado laboral é unha das áreas máis afectadas. Moitas empresas pechan co obxectivo de ser responsables e contribuír a parar a pandemia, o que supón a perda de emprego e, polo tanto, tamén de recursos económicos para as empresas e para moitas persoas.
Coa fin de orientar sobre como se pode afrontar a busca de traballo neste contexto, o Servizo de Inserción Laboral e Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia elaborou unha sinxela guía que recolle recomendacións, ideas, propostas e enlaces para non desatender esta tarefa durante a crise do coronavirus.
A guía indica que se te atopabas en busca activa de emprego cando se decretou o estado de alarma, isto non ten por que cambiar. Debemos manter a calma e aproveitar este momento para traballar, por exemplo, na mellora do autocoñecemento ou no desenvolvemento de habilidades sociolaborais. 
Estes días tamén nos poden servir para definir ben o noso perfil profesional ou para elaborar unha listaxe de expectativas e obxectivos profesionais. Podemos seleccionar empresas de interese, adaptar as nosas cartas de recomendación e CV ou preparar futuras entrevistas de traballo. 
Coidar a rede de contactos laborais, mellorar o noso coñecemento sobre o mercado laboral ou realizar formación online, son outras alternativas que podemos valorar para non deixar de lado a nosa capacitación laboral e a busca activa de emprego durante o confinamento.
En calquera caso, a pesar de que en Saúde Mental FEAFES Galicia está suspendida a atención presencial, o persoal de orientación laboral segue estando a disposición das persoas usuarias mediante vía telefónica, e-mail, WhatsApp, etc. Por tanto, ante calquera dúbida, sempre podes recorrer ao Servizo de Inserción Laboral e Emprego.