Skip to main content

Xa está en marcha unha nova edición da campaña Mentalízate, que ten como obxectivo informar e sensibilizar a adolescentes e mozos sobre saúde mental. A iniciativa, promovida por FEAFES Galicia, fomenta hábitos e estilos de vida saudables traballando na prevención da enfermidade mental a través da concienciación dos mozos sobre o risco do consumo de tóxicos. 

As charlas nos institutos realizaranse durante o curso escolar ata finais do mes de xuño. As ponencias serán impartidas por profesionais de FEAFES Galicia e das súas asociacións membro, nas cales entregarase aos alumnos unha serie de materiais divulgativos. Esta iniciativa será realizada en máis de 50 institutos galegos, chegando así a máis de 3.000 alumnos e a arredor de 200 profesores e orientadores.

Sensibilización nas catro provincias

Na provincia de A Coruña, a asociación Afaes Portanova acudirá a diversos centros de Ferrolterra, implantando a campaña Mentalízate nas localidades de Ferrol, Narón, Neda, Ares, Mugardos, Fene, Valdoviño, Pontedeume, Cedeira, Monfero, As Pontes, San Sadurniño, Cariño e Ortigueira. A asociación Apem, pola súa parte, intervirá en trece centros das zonas de A Coruña, Cee, Carballo e Betanzos; mentres a asociación Andaina será a encargada de actuar na zona de Ordes, Dodro e Oroso. A maiores, as delegacións de FEAFES Coruña e FEAFES Santiago realizarán charlas nos institutos destas dúas cidades.

Na provincia de Pontevedra, pola súa banda, a asociación Doa acudirá a sete centros da zona de Vigo chegando a 175 alumnos. En Vilagarcía de Arousa, a asociación Lar realizará charlas a 350 alumnos de cinco institutos da comarca, e a delegación de FEAFES Vigo reforzará a campaña na cidade viguesa. 

Nas provincias de Lugo e Ourense realizaranse accións semellantes da man das delegacións coas que conta FEAFES Galicia nas capitais de provincia, cuxos profesionais acudirán a diversos institutos para achegar a saúde mental ós alumnos de secundaria.

A importancia da prevención

A Organización Mundial da Saúde afirma que a falta dunha boa saúde mental nas primeiras etapas da vida pode provocar enfermidades mentais a longo prazo que acompañarán á persoa durante toda a súa existencia. Actualmente, calcúlase que polo menos o 20% dos adolescentes e mozos de todo o mundo teñen unha enfermidade mental.

Os problemas de saúde mental non só deben ser resoltos dende o tratamento e a rehabilitación. Tamén é necesario insistir no deseño de actuacións de promoción da saúde mental e prevención dos trastornos mentais dende unha óptica intersectorial e multidisciplinar. O ámbito educativo é fundamental para o desenvolvemento destas actuacións; non obstante, cabe destacar a escaseza de accións específicas de promoción da saúde mental e prevención de trastornos mentais que se realizan neste ámbito.

A campaña Mentalízate pretende paliar esta escaseza e converterse nun medio para promover os hábitos de vida saudables, o coñecemento das enfermidades mentais, a súa relación co consumo e ademais traballar posibles estigmas vinculados á enfermidade mental.

Calquera instituto galego que estea interesado en incorporarse á campaña Mentalízate pode facelo poñéndose en contacto con FEAFES Galicia a través do número de teléfono 981 554 395.

mentalizate 2015 (2).JPG        mentalizate 2015 (1).JPG