Seis persoas de máis de 55 anos, e seis persoas de entre 18 e 35, participan no programa de Voluntariado Interxeracional “A Carón”
Desde xaneiro do 2026 e ata maio, en Saúde Mental FEAFES Galicia estamos desenvolvendo o programa de Voluntariado Interxeracional “A Carón”. Este programa está financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia no marco do Plan de Recuperación NExtGenerationEU.
Esta iniciativa, en liña coa Estratexia de Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde 2022-2026, busca implementar un modelo de voluntariado interxeracional innovador no rural galego. Baixo os principios de recuperación en saúde mental e os dereitos humanos, pretenden apoderar ás persoas maiores de 55 anos con problemas de saúde mental para que elas sexan as que dirixan e xestionen os apoios básicos que reciben de persoas voluntarias máis novas.
Intercambio xeracional en materia de saúde mental
A través do programa “A Carón” captamos seis persoas voluntarias de máis de 55 anos, usuarias dos nosos servizos, en Arteixo, Celanova, Marín, Tui, A Estrada e Castroverde. Estas persoas teñen un problema de saúde mental estabilizado e sen cronificación asistencial. Ademais, manteñen un bo grao de autonomía para a vida diaria. Recibiron a formación “Coñecer e Decidir”, onde puideron adquirir ferramentas para a autoxestión e expresión asertiva das súas necesidades.
Pola súa banda, contamos tamén con seis persoas voluntarias de entre 18 e 35 anos. Son mozos e mozas sensibilizados coa saúde mental e interesadas en modelos de intervención baseados na comunidade, os dereitos das persoas con discapacidade e a recuperación persoal. A elas ofrecéuselles a formación “Acompañar e Dirixir”, centrada en técnicas de comunicación non directiva e recuperación en saúde mental.
Ambas xeracións adquiriron ferramentas para abrir espazos de diálogo horizontais, facilitando a transmisión de coñecementos sobre saúde mental e coidados.
Un modelo de acompañamento centrado na recuperación e a aprendizaxe mutua
Os emparellamentos entre as persoas voluntarias sénior e mozas comezaron o pasado mes de febreiro. Realizaron actividades de acompañamento non profesional como paseos, ocio compartido, apoio en xestións cotiás e intercambio de saberes. Unha forma de crear espazos de reflexión sobre os modelos de coidados e coñecer a perspectiva en primeira persoa das voluntarias sénior.
Ademais, cada parella elaborará un Acordo de Acompañamento individualizado, un documento vivo e aberto a modificacións con seguimento e apoio técnico para garantir flexibilidade e satisfacción mutua.
O programa de voluntariado interxeracional “A Carón” busca, deste xeito, promover a recuperación das persoas con problemas de saúde mental poñendo en valor os coñecementos que adquiriron ao longo da súa vida. Tamén procura reverter as relacións tradicionais de coidado e combater ao mesmo tempo a soidade non desexada no rural. Así mesmo, esta iniciativa favorece a sensibilización das novas xeracións sobre saúde mental e ten, como fin último, mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas con problemas de saúde mental, así como a satisfacción pola propia vida das persoas beneficiarias e voluntarias.


