O pasado 7 de decembro, a Clínica Podogal e Saúde Mental FEAFES Galicia asinaron un acordo que ten como obxectivo fomentar a integración laboral de persoas con especiais dificultades para acceder a un posto de traballo, así como promover accións de responsabilidade social corporativa no marco do programa Incorpora de “la Caixa”.
Desde o ano 2006, a Obra Social “la Caixa” fomenta, co programa Incorpora, o acceso ao mundo laboral de persoas en situación ou risco de exclusión, como parados de longa duración, ex reclusos, mozos en situación de vulnerabilidade, inmigrantes, vítimas de violencia de xénero e persoas con problemas de saúde mental, entre outros colectivos.
A Clínica Podogal colaborará co programa Incorpora mediante a posta en marcha de accións que favorezan a incorporación ao mundo laboral de persoas en risco de exclusión social, garantindo que todas as persoas poidan desenvolver a súa actividade profesional en función da súa preparación. A empresa comprométese a facilitar o perfil dos postos que oferte para facerllos chegar ás entidades integradas no programa.
Pola súa banda, Incorpora prestará información e asesoramento especializado sobre subvencións e axudas á contratación e á creación de emprego para persoas con especiais dificultades de inserción.
A Clínica Podogal naceu en 2003 como clínica exclusivamente podolóxica. En 2016, tras a adquisición dunhas novas dependencias, creouse o actual concepto de centro sanitario polivalente, sendo un coworking sanitario que proporciona un coidado integral aos seus pacientes. A clínica conta con enfermería, fisioterapia, odontoloxía, osteopatía e podoloxía, ademais de realizar actividades complementarias puntuais como ioga, pilates ou outras disciplinas que teñen cabida no centro.