“Existe unha gran prevalencia de persoas que teñen un trastorno mental asociado ao consumo de substancias”; esta é a primeira das claves que ofrece o decálogo elaborado por FEAFES e é, ademais, o motor que impulsou a Confederación a realizar a segunda edición do curso “Abordaxe da patoloxía dual na rede FEAFES”.
Trátase dun programa desenvolvido pola Confederación FEAFES e financiado pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Para esta segunda edición, ademais da formación e a reimpresión das guías editadas o ano anterior, elaborouse un documento no que se recollen as dez claves que resumen que é e en que consiste a patoloxía dual.
O obxectivo desta recompilación de ideas é poder explicar de forma sinxela e resumida que é a patoloxía dual e cales son os principais retos aos que se enfrontan os profesionais que tratan con persoas que teñen este diagnóstico. A idea de profesionalizar a atención ás persoas con patoloxía dual é a realidade de que a existencia do consumo de substancias acompañada de enfermidade mental supón unha dificultade no diagnóstico e tratamento, o que obriga a unha abordaxe especializada.
A formación
A patoloxía dual é un grave problema de saúde, non só pola crecente frecuencia na sociedade actual, senón tamén debido á escasa formación entre os profesionais dos diferentes dispositivos e a escaseza de recursos específicos. Por iso, dende a Confederación quíxoselle dar continuidade a este programa, que nesta edición formou 25 profesionais da rede asociativa FEAFES pertencentes a 16 Comunidades Autónomas. Entre eles, participaron Estrela Gómez da asociación Doa e Jesús López da asociación Lar, ambos provenientes de Galicia.
O psiquiatr aAntonio Terán Prieto e a psicóloga Alejandra Julio Berrio foron os encargados de impartir o curso, que tivo carácter semipresencial e un total 20 horas de duración. Nel, os profesionais aprenderon a utilizar as estratexias preventivas do consumo de drogas aplicables a persoas con enfermidade mental, así como a definir e identificar os síntomas da patoloxía dual. A coexistencia de ambas as dúas patoloxías supón, en moitas ocasións, unha dificultade no acceso á rede asistencial, situación que se solucionaría co tratamento integrado; esta é ademais, unha das ideas principais recollidas no decálogo elaborado por FEAFES.
Materiais didácticos e divulgativos
Para esta segunda edición reimprimíronse 700 exemplares da Guía “Aproximación á patoloxía dual: Propostas de intervención na rede FEAFES”, dos cales se levou un cada participante no curso. Este documento está dispoñible neste enlace e ademais poderase solicitar a través do correo electrónico documentacion@feafes.org.
Tamén se elaborou o decálogo coas claves para entender de xeito sinxelo que é a patoloxía dual, dispoñible igualmente neste enlace. Ademais, os alumnos recibiron unha serie de lecturas para introducilos en conceptos xerais na patoloxía dual como antesala á formación presencial.