Skip to main content
ENKI nace dunha iniciativa da Fundación Abrente que, coa axuda do Concello de A Coruña e da Fundación María José Jove, organiza unha serie de eventos deportivos e sociais relacionadas coa loita pola inclusión das persoas con algún tipo de diversidade funcional.
Estes actos lúdico-deportivos están abertos a todos os públicos e teñen o claro obxectivo de promover tanto a inclusión das persoas con diversidade funcional nas actividades que organice a comunidade, como dar maior difusión aos diferentes colectivos que representan.
A este propósito, o 13 de setembro celebrarase a II Carreira pola Integración que comezará ás 11:00 no Pazo dos Deportes de Riazor. Consistirá nunha carreira de obstáculos na cal haberá que superar montañas de pneumáticos, labirintos de gomas, bólas xigantes, guerras de cores, unha piscina de escuma ou un percorrido a cegas.
A idea desta carreira é sensibilizar acerca dos obstáculos que afrontan as persoas con discapacidade no seu día a día e invitar a toda a cidadanía a sortealos nesta divertida actividade. A inscrición ten un custo de 3 euros e a recadación destinarase a premios para os colectivos que traballan a favor das persoas con discapacidade e á creación do primeiro Club Deportivo Inclusivo ENKI.
Paralelamente á carreira, haberá unha Feira da Solidariedade ata as 15h na que participarán unha trintena de entidades sociais da zona. Entre elas estarán FEAFES Galicia e a asociación Apem, que contarán cun posto informativo para dar a coñecer o labor que realizan e sensibilizar acerca da saúde mental.