O Concello da Coruña e Saúde Mental FEAFES Galicia renovan o convenio polo que fomentan a prospección e inserción laboral de 65 persoas con problemas de saúde mental.
O emprego é un dos piares fundamentais para a inclusión das persoas con problemas de saúde mental. Permítelles desfacerse do rol de persoa enferma e adquirir o rol de persoa traballadora. Ademais, favorece a súa integración e o seu sentimento de colaborar non tecido da sociedade. Pero a taxa de emprego do colectivo é soamente do 17%. Con todo, a nosa experiencia dinos que esta porcentaxe é maior cando existe un apoio e acompañamento detrás.
Para seguir acompañando no seu camiño cara o emprego a estas persoas, Saúde Mental FEAFES Galicia e o Concello da Coruña, renovaron este mércores 16 de xullo o convenio anual para o desenvolvemento dun proxecto de prospección e inserción laboral para persoas con problemas de saúde mental durante o 2025.
Este proxecto está destinado a persoas cun diagnóstico de saúde mental, demandantes de emprego do Concello da Coruña e en situación de especial vulnerabilidade ou risco social. O obxectivo é o de favorecer a súa integración sociolaboral a través da execución de itinerarios integrados e personalizados de inserción.
Accións para o fomento da inserción laboral
A través do proxecto de prospección e inserción laboral, ofrecemos ás persoas participantes unha serie de recursos e ferramentas que melloren a súa empregabilidade. A través do noso asesoramento e das formacións que impartimos, proporcionámoslles competencias transversais e ocupacionas que incrementan as súas posibilidades de inserción laboral.
Tamén realizamos prospección empresarial, establecendo relacións con empresas e persoas empresarias da Coruña socialmente comprometidas que aposten pola integración das persoas participantes neste proxecto.
Grazas a esta colaboración, podemos seguir traballando pola inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental. Para que poidan conseguir manter un emprego que lles permita sentirse máis integradas na sociedade e soster unha vida o máis autónoma posible.
Grazas á colaboración de:

