A Asociación A Creba celebra o seu 30 aniversario cun xantar de confraternidade a que asistiron 85 persoas
O pasado mes, A Creba Saúde Mental celebrou os seus 30 anos de andadura cun xantar. Á celebración acudiron persoas usuarias, profesionais da asociación, persoas socias de honra, a Xunta Directiva e representantes dos diferentes concellos nos que traballa a asociación.
No evento, de carácter lúdico, púxose en valor o esforzo das persoas que teñen algún problema de saúde mental. Recoñeceuse o traballo que se fai día a día por paliar as barreiras ás que se enfrontan estas persoas na súa vida cotiá. E tamén se lle deu especial relevancia ó sentimento de pertenza e unión entre as persoas que constrúen a asociación.
A asociación agradeceu a presenza das persoas representantes dos Concellos nos que A Creba realiza a súa labor. Así, quedou reflexado o interese que estas administracións mostran en traballar a prol da saúde mental e a necesidade de fortalecer a colaboración nesta labor conxunta.
Con este xantar, A Creba quere evidenciar o desexo que temos de seguir a construír unha comunidade inclusiva e traballar xuntos pola saúde mental de todas as persoas.
30 anos de traballo pola saúde mental
A Creba Saúde Mental foi creada en 1994 por un grupo de profesionais da saúde e familiares especialmente sensiblizados coas dificultades ás que se enfrontan as persoas con problemas de saúde mental
Dende o primeiro momento, a misión desta asociación foi atender as necesidades das persoas usuarias, as súas familias e as persoas achegadas. Entendían que a atención que se brindaba desde as administracións públicas estaba máis destinada ó ámbito psiquiátrico e farmacolóxico. Polo tanto, a axuda que chegaba era moi limitada e non cubría todas as necesidades.
Así, A Creba comezou a traballar con persoas que viven en pisos protexidos, maiormente perceptores dunha pensión non contributiva e que teñen un soporte familiar e social moi escaso ou nulo. Son persoas que se atopan moi soas e que teñen nas compañeiras e no equipo profesional, o seu único soporte.
Ademais, tamén atenden a persoas con problemas de saúde mental que acoden ós diferentes centros de atención diúrna. Nestes centros, inténtase incrementar a calidade de vida e o benestar social e emocional destas persoas a través da atención persoal e individualizada.
Finalmente, a asociación tamén presta apoio ás persoas que non acoden ó centro pero precisan seguimento e atención continua.
Actualmente, A Creba conta con dúas delegacións. Unha situada no Polígono Industrial Augalevada, en Noia; e outra no centro de Ribeira, o que favorece a interacción entre as persoas usuarias e a comunidade.
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, queremos felicitar á Creba, ás persoas usuarias, ás súas familias e persoas achegadas, a Xunta Directiva e, por suposto, ós seus traballadores e traballadoras, por estes 30 anos de traballo incansable a favor da saúde mental.
Parabéns!