Skip to main content
Cunha sinxela e emotiva gala no coliseo Noela celebrou a asociación A Creba os 25 anos que leva traballando no ámbito da saúde mental. Á cita acudiron unhas 200 persoas entre usuarios, familiares, amigos, socios e autoridades. Alí estaban, entre outros, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez; o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa; a deputada provincial Sandra González; a xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez; e os alcaldes de Noia, Santiago Freire; Porto do Son, Luis Oujo; e Muros, Inés Monteagudo. 
A presentación da cerimonia correu a cargo do poeta Ismael Ramos, que mantivo unha charla co presidente de A Creba, Xosé Ramón Girón, quen fixo un repaso pola historia da entidade. Arrincou nos seus comezos, en 1994, cando contaba cun local cedido no que atendía a catro usuarios. E concluíu na actualidade, cando a asociación ten sedes en Ribeira e Noia, que prestan servizo a un total de 60 persoas. Dispón para iso de 13 traballadores. Daquela primeira xunta directiva estaban presentes na gala Evangelina Blanco, José Muñíz, Rosa Carbia e Isabel Fernández, quen continúa no equipo que lidera a entidade a día de hoxe. Desa directiva actual tamén acudiron á conmemoración Suso Martínez, Susana Domínguez e Elvira Gómez. 
O grupo de música tradicional Canlebó, con Deli Creo á fronte, foi o encargado de poñer a nota musical á velada. Como complemento ao repaso que Girón fixo pola traxectoria de A Creba, proxectouse un vídeo que foi realizado por Nacho Icega, un incansable colaborador da entidade. E, como colofón, os asistentes a esta festa de aniversario tiveron ocasión de coñecer de preto os traballos que realizan os usuarios da asociación. Na parte alta do coliseo montouse unha exposición cos materiais que empregan nos talleres de cestería, enmarcado de cadros, pasta de papel ou coiro, que se completou coa exhibición de pezas xa concluídas.