Skip to main content

Nun acto organizado o pasado vernes día 5, a delegación santiaguesa de Saúde Mental FEAFES Galicia recibíu o XIV Premio de Dereitos Humasno concedido polo Colexio de Avogacía de Santiago.

O Colexio de Avogacía de Santiago celebrou o pasado venres a festividade de San Raimundo de Peñafort. Este encontro, ó que asistiron máis de 300 persoas, tivo lugar no Pazo de Fonseca.

No acto, concedéuselle a Medalla de Ouro a Enrique León Calviño, que foi comisario da Policía Nacional en Santiago, pola súa traxectoria profesional. Tamén recibiron a insignia de ouro o colexiado Ángel María García Fernández e a colexiada Otilia Sánchez Garrido. E entregáronse diplomas ós colexiados e colexiadas que cumpren 25 anos de exercicio profesioanl.

Nesta ocasión, o XIV Premio de Dereitos Humanos foi entregado á delegación de Santiago de Saúde Mental FEAFES Galicia, polo seu traballo na normalización e mellora da atención ás persoas que teñen algún problema de saúde mental, as súas familias e persoas achegadas.

O premio recolleuno Xosé Ramón Girón, presidente da entidade, que agradeceu de todo corazón esta distinción en nome das persoas con enfermidade mental, as súas familias e persoas achegadas.

 

“A defensa dos dereitos é unha necesidade básica”

Durante o discurso polo XIV Premio de Dereitos Humanos, Xosé Ramón Girón falou do nacemento do movemento asociativo nos anos 80. Nos inicios traballouse para procurar o peche dos manicomios e a apertura de asistencia sanitaria normalizada para as persoas con problemas de saúde mental. Explicou como Saúde Mental FEAFES Galicia foi evolucionando a unha organización que ofrece programas e dispositivos sanitarios e sociais. Dispositivos que buscan cubrir as necesidades vitais das persoas con problemas de saúde mental e da súa contorna.

“E unha desas necesidades básicas é a defensa dos seus dereitos”, afirmou Girón. “O dereito á saúde como dereito básico universal e, no caso da saúde mental, o dereito a un diagnóstico, a un tratamento, á recuperación se é posible ou polo menos á estabilización”.

Continuou dicindo que, desde a entidade, entendemos a recuperación como a restauración da súa dignidade, respecto, autoestima e cidadanía, máis alá da recuperación clínica de síntomas e signos. Un proceso que vai ligado á recuperación de dereitos como o traballo ou a vivenda.

Rematou dicindo que “a vulneración de dereitos, fai imprescindíbel a activación de mecanismos adecuados para a súa defensa ante a instancia correspondente”, e agradeceu a solidariedade e implicación nestes temas do Colexio de Avogacía.

Ó acto asistiron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o delegado do Goberno de Galicia, Pedro Blanco; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez e Díaz-Castroverde; o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, e o director Xeral de Xustiza, José Tronchoni, entre outras autoridades.

O acto finalizou coa xura das novas e novos letrados tras o que se celebrou unha cea-baile no hotel Oca Puerta del Camino.

 

Máis de 10 anos ofrecendo asesoría xurídica gratuíta

O Servizo de Asesoría Xurídica de Saúde Mental FEAFES Galicia, ofrece atención gratuíta ás persoas usuarias da entidade. Neste servizo orientamos sobre asuntos legais relacionados coa enfermidade mental, como poden ser as pensións, herdanzas, incapacitacións, problemas penais ou laborais.

Este servizo conta con tres persoas asesoras que atenden dúbidas procedentes tanto de usuarias e usuarios como de familiares e profesionais. Ademais, o equipo de asesoría xurídica realiza accións formativas sobre temas legais relacionados coa saúde mental en distintos ámbitos. Por exemplo, nas asociacións que traballan con estas persoas ou no entorno universitario.

A maiores, coa fin de mellorar a accesibilidade e a calidade da atención prestada, o equipo de asesoría xurídica desprázase regularmente ás distintas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia para achegar o servizo ás persoas.