Skip to main content

A Deputación da Coruña segue ofrecendo o seu apoio ao proxecto de inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental.

Unha das nosas misións principais é acompañar ás persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia no seu camiño cara a inserción laboral.

Grazas á subvención que corresponde ao Programa FOAXE-P para o mantemento dos programas e servizos sociais, a Deputación da Coruña colabora con nós cun importe de 25.600,00€, do cal o 67% é financiado e o 33% cofinanciado, que irán destinados a financiar o Proxecto de inserción laboral para as persoas con diagnóstico en saúde mental durante o ano 2025.

Do mesmo xeito, a través da subvención que corresponde ao Programa FOIE para o investimento de servizos sociais do ano 2025, recibimos un importe de 12.130,08€, do que o 80% é financiado e o 20% cofinanciado, que será destinado ao acondicionamento dos locais da Coruña e Santiago.

Accións para o fomento da inserción laboral

Ambas subvencións teñen como obxectivo mellorar as oportunidades de inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental inscritas no servizo de emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia.

Para isto, o proxecto subvencionado comprende as accións de información, asesoramento, atención e acompañamento a persoas con problemas de saúde mental na busca activa de emprego, tanto por conta propia como por conta allea. Realízanse itinerarios personalizados de inserción baseados no análise das necesidades de cada persoa usuaria. Así ofreceránselle formacións e accións de capacitación laboral adaptadas as súas necesidades, ben a través de talleres propios ou en colaboración con outras entidades e organismos. Realizamos tamén intermediación laboral coas empresas, preparación das persoas candidatas para as entrevistas de selección e accións de acompañamento e seguimento. Ademais, o proxecto contempla accións de emprego con apoio, para aquelas persoas que o precisen.

Un espazo para a busca de emprego

Mantemos tamén un ano mais o punto TIC para a busca activa de emprego, onde as persoas usuarias poden acceder a equipos informáticos con conexión a internet, a teléfono e impresoras para poder xestionar a súa busca de emprego.

A finalidade é que, co asesoramento do persoal técnico, dispoñan dun lugar desde onde poder elaborar e imprimir un CV, facer cartas de presentación, enviar as súas solicitudes de traballo por correo electrónico, inscribirse en portais de emprego, facer entrevistas en liña ou todas as actividades vencelladas ao seu proceso de busca de emprego.

A maiores, contamos cunha pequena aula de informática para a realización da formación específica en competencias dixitais.

Co apoio destas subvencións, podemos seguir traballando pola inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental. Para que poidan conseguir manter un emprego que lles permita sentirse máis integradas na sociedade e soster unha vida o máis autónoma posible.

 

Coa colaboración de: