Skip to main content
A deputada responsable da Área de Benestar Social da Deputación da Coruña, Ánxela Franco; o deputado de Promoción Económica, José Luís García; e o presidente da asociación A Creba, Xosé Ramón Girón, participaron esta mañá no acto de entrega realizado en Noia dun vehículo adaptado para dita entidade. A furgoneta realizará servizos para os programas da asociación tanto no centro de Noia como no de Ribeira.
O vehículo entregado pola Deputación da Coruña trátase dun minibús de 18 prazas que facilitará o servizo de transporte ás persoas usuarias dos distintos programas desenvolvidos pola asociación A Creba. A entidade empregará o transporte nas rutas de desprazamento desde os concellos de Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son ao Centro de Rehabilitación Psicosocial de Ribeira; e as procedentes de Muros, Outes, Noia, Lousame, Porto do Son, Boiro e Rianxo aos Centros Ocupacional e de Rehabilitación Psicosocial de Noia. 
Os programas de respiro e integración comunitaria noutros concellos realizados pola entidade con periodicidade semanal completarán os servizos para os que A Creba solicitou o apoio da Deputación da Coruña a través do programa de adquisición e cesión de vehículos a entidades sociosanitarias sen fin de lucro. En total, serán 11 os vehículos adaptados que entregará a institución a distintas entidades coa mesma necesidade. 
A Creba leva funcionando con centros abertos en Noia e Ribeira desde 1994, cando foi creada a iniciativa dun grupo de profesionais e familiares de persoas con enfermidades mentais co fin de conseguir de forma colectiva recursos e servizos.