Skip to main content

Unha das nosas principais misións é acompañar ás persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia no seu camiño á inserción laboral e ao mantemento do posto de traballo. A través da
subvención que corresponde ao programa FOAXE-P para o mantemento de programas e servizos en materia de servizos sociais, a Deputación de A Coruña colabora con nós cun importe de 24.800€ que irán destinados a financiar o Proxecto de inserción laboral para persoas con enfermidade mental durante o ano 2022.

Do mesmo xeito, a través da subvención correspondente ao programa FOIE para o investimento de servicios sociais do ano 2022, recibimos un importe de 9.392,50€, que será destinado para a renovación de equipos informáticos (CPUs, portátiles, ratos, auriculares con micrófonos e o novo servidor e baterías anticortes eléctricos).

Ambas subvencións teñen como obxectivo mellorar as oportunidades de inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental inscritas no servizo de emprego da nosa entidade. Para isto, o proxecto subvencionado comprende accións de información, asesoramento, atención e acompañamento a persoas con problemas de saúde mental na busca activa de emprego, tanto por conta propia como por conta allea. Realízanse itinerarios personalizados de inserción baseados na análise das necesidades individuais de cada persoa e a súa formación específica, adaptándose así as necesidades de cada persoa usuaria.

Ademais o proxecto contempla accións de emprego con apoio, para aquelas persoas que o precisen. Este ano continuaremos co punto TIC para a busca activa de emprego, onde as persoas usuarias poden acceder a equipos informáticos con conexión a internet, a teléfono e impresoras para poder xestionar a súa busca de emprego.

A finalidade é que, asesorados polo persoal técnico, dispoñan dun lugar desde onde poder elaborar e imprimir un CV, facer cartas de presentación, enviar as súas solicitudes de traballo por correo electrónico, inscribirse en portais de emprego, facer entrevistas on-line ou todas aquelas actividades vinculadas ao seu proceso de busca de emprego.

A maiores, contamos cunha pequena aula de informática para a realización da formación específica en competencias dixitais tan necesarias neste momento e que, polo mesmo motivo, só poden realizar un máximo de dúas persoas máis o formador ou formadora.

Coa achega destas subvencións, podemos seguir a traballar pola inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental. Para que poidan conseguir e manter un emprego que lles permita sentirse máis integrados na sociedade e soster unha vida o máis autónoma posible.