A través da subvención correspondente ao programa FOIE para o investimento de servizos sociais, a Deputación da Coruña colabora con Saúde Mental FEAFES Galicia financiando a compra de material para o “Proxecto de Inserción Laboral para Persoas con Enfermidade Mental”. Concretamente, este ano financiará a compra de portátiles e unha impresora multifunción que facilitará o labor dos profesionais e usuarios que se benefician do programa.
O “Proxecto de Inserción Laboral para Persoas con Enfermidade Mental” inclúe información, asesoramento, atención e acompañamento na busca activa de emprego a través da realización de itinerarios personalizados de inserción. Ademais, os técnicos de Saúde Mental FEAFES Galicia realizan intermediación laboral coas empresas e preparan aos demandantes de emprego para as entrevistas de traballo, facendo un seguimento en todo momento tanto dos candidatos como do desempeño na propia empresa.
Para desenvolver este proxecto adecuadamente, Saúde Mental FEAFES Galicia conta cun Punto TIC para a busca activa de emprego nas súas instalacións de A Coruña, onde as persoas usuarias poden acceder a equipos informáticos con conexión a Internet, teléfono e impresora onde poder xestionar a súa busca de emprego: elaborar e imprimir un CV ou carta de presentación, inscribirse a portais de emprego, facer unha entrevista de traballo online, etc.
Neste senso, a dotación material facilitada pola Deputación de A Coruña é fundamental para garantir un servizo de calidade ás persoas usuarias, do mesmo xeito que permite ao persoal de orientación e prospección laboral desenvolver o seu traballo con eficacia e comodidade, puidendo levar consigo os novos portátiles cando teñan que desempeñar o seu traballo fora das oficinas.
