O pasado luns 13 de outubro, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o director de FEAFES Galicia, Antonio Hernández Fernández, asinaron un convenio de colaboración a través do cal a administración local comprométese a colaborar coa entidade na inserción laboral das persoas con enfermidade mental.
O convenio concretouse na concesión dunha subvención para financiar os gastos dun proxecto de acercamento ó mundo laboral para persoas con enfermidade mental que leva a cabo FEAFES Galicia. Con este acordo, a Deputación demostra o seu compromiso co fomento do acceso ó benestar social en condicións de igualdade, garantindo así a inclusión social e mellorando a calidade de vida dos cidadáns de todos os sectores sociais.
A través do convenio asinado esta semana, un usuario de FEAFES Galicia poderá formarse laboralmente nun posto de traballo no Museo de Lugo, adquirindo as destrezas e habilidades específicas para ese emprego e coñecendo de primeira man os requerimentos e responsabilidades que implica estar no mundo laboral.
Este contrato de prácticas remuneradas durará 6 meses ó longo dos cales o usuario desempeñará labores de conserxería e ordenanza. Durante este tempo, os técnicos de FEAFES Galicia prestarán apoio e seguimento ó empregado, que será tutorizado polo persoal do Museo de Lugo.