Skip to main content

Un ano máis, a Deputación de Ourense colabora con Saúde Mental FEAFES Galicia a través do financiamento dun proxecto de preparación e apoio no emprego para persoas con problemas de saúde mental, no cal participarán un grupo de persoas desempregadas en busca de traballo.

As accións que se levarán a cabo no marco deste proxecto van encamiñadas, inicialmente, a maximizar as oportunidades de acceso ao mundo laboral das persoas participantes. Para iso, realizaranse accións de orientación e asesoramento individualizado, motivación para a procura de emprego, adestramento en habilidades sociais ou o desenvolvemento dun plan de busca de traballo.

Tamén se facilitará aos participantes coñecementos sobre as distintas canles de información laboral, indicacións para a captación e busca do emprego no mercado laboral ordinario e análise dos postos de traballo. Naqueles casos nos que se logre unha inserción laboral, implementaranse, segundo as necesidades de cada persoa participante, unha serie de accións de apoio no emprego para o mantemento do posto de traballo.

Para iso, utilizarase a metodoloxía do Emprego con Apoio, que consta dun conxunto de accións de orientación e acompañamento individualizado no posto de traballo, prestada por preparadores laborais especializados, coa fin de facilitar a adaptación social e laboral das persoas traballadoras con discapacidade con especiais dificultades de inserción no mercado ordinario de traballo, como son as persoas con problemas de saúde mental.

A duración do proxecto financiado pola Deputación de Ourense será de 11 meses e realizarase nos concellos de procedencia das persoas participantes. Non obstante, o ámbito territorial de actuación do proxecto será toda a provincia, posto que as accións de captación de empresas e ofertas realizaranse non só no concello de procedencia da persoa senón tamén nos municipios limítrofes.