Skip to main content
Un ano máis, a Deputación de Ourense colabora con Saúde Mental FEAFES Galicia a través do financiamento dun proxecto de preparación e apoio no emprego para persoas con problemas de saúde mental, no cal participaron un total de 20 persoas desempregadas en busca de traballo.
As accións que se levaron a cabo no marco deste proxecto foron encamiñadas, inicialmente, a maximizar as oportunidades de acceso ao mundo laboral das persoas participantes. Para iso, realizáronse accións de orientación e asesoramento individualizado, motivación para a procura de emprego, adestramento en habilidades sociais ou o desenvolvemento dun plan de busca de traballo.
Tamén se facilitou ás persoas participantes coñecementos sobre as distintas canles de información laboral, indicacións para a captación e busca de emprego no mercado laboral ordinario e análise dos postos de traballo.
Naqueles casos nos que se logrou unha inserción laboral, implementouse, segundo as necesidades de cada persoa participante, unha serie de accións de apoio no emprego para o mantemento do posto de traballo. 
Para iso, utilizouse a metodoloxía do Emprego con Apoio, que consta dun conxunto de accións de orientación e acompañamento individualizado no posto de traballo, prestado por profesionais especializados na preparación laboral, coa fin de facilitar a adaptación social e laboral das persoas traballadoras con discapacidade con especiais dificultades de inserción no mercado ordinario de traballo, como son as persoas con problemas de saúde mental.
A duración do proxecto financiado pola Deputación de Ourense foi de 11 meses e realizouse nos concellos ourensáns dos que proceden as persoas participantes. Non obstante, o ámbito territorial de actuación do proxecto foi toda a provincia, posto que as accións de captación de empresas e ofertas realizáronse non só no concello de procedencia da persoa senón tamén nos municipios limítrofes.