Skip to main content

As instalacións da Deputación de Pontevedra en Vigo acollerán este martes 8 de xullo ás 12 horas, a entrega da resolución do proxecto Practicum IV que desenvolve FEAFES Galicia grazas á colaboración da Deputación. Trátase dun programa que fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con enfermidade mental, onde un total de 15 persoas recibirán unha formación práctica de 200 horas en empresas. 

O proxecto Practicum está financiado pola Deputación de Pontevedra no marco das subvenciones dirixidas ás entidades de iniciativa social para a realización de proxectos de servizos sociais especializados. A entrega da resolución deste programa será realizada pola Deputada Provincial na Deputación de Pontevedra, Marta Iglesias, e con ela estará Isabel Seguín por parte de FEAFES Galicia.

Marta Iglesias leva catro anos apoiando o traballo de FEAFES Galicia en materia de inserción laboral, amosando o seu compromiso con este labor a través da súa colaboración no proxecto Practicum. A Deputación de Pontevedra aposta novamente por un programa que ano tras ano presenta avances e cumpre os seus obxectivos de inserción sociolaboral de persoas con enfermidade mental.

Grazas a este programa, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, afacerse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto. As empresas, pola súa parte, teñen a posibilidade de ver como traballan estas persoas e desfacer os prexuízos negativos que poida haber á hora de valorar a contratación dunha persoa con enfermidade mental. 

En Galicia hai máis de 41.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, segundo o censo da Consellería de Traballo e Benestar. De todas elas, menos do 5% teñen un emprego estable, e case a metade deles asegura ter sufrido algún tipo de discriminación laboral. Por ese motivo, traballar por unha boa inserción laboral deste colectivo e unha formación axeitada é unha tarefa fundamental que pretende impulsar FEAFES Galicia a través de proxectos coma este. 

resolucion practicum.JPG

diputacion pontevedra horizontal.jpg