A deputada Ana Laura Iglesias e o deputado Santos Héctor Rodríguez visitaron onte, 21 de setembro, as instalacións de Saúde Mental FEAFES Galicia en Vigo, entidade coa que a institución colabora cunha achega de 20.000 euros para a posta en marcha do proxecto Practicum de fomento da inserción laboral.
Recibiunos Manuel Juncal, responsable da delegación de Saúde Mental FEAFES Galicia en Vigo, así como o resto do persoal técnico de dita delegación, que presentaron o proxecto Practicum a través das experiencias de persoas que participaron ou están a participar nel. Deste xeito, interviñeron unha usuaria que está a realizar prácticas en Perfumerías Arenal, un usuario que realizou prácticas en Contactnova e dous representantes desta última empresa.
A continuación, o persoal de Saúde Mental FEAFES Galicia presentou a evolución do proxecto Practicum ao longo dos últimos anos, así como as accións realizadas e os resultados obtidos. A través desta iniciativa subvencionada pola Deputación de Pontevedra, benefícianse cada ano arredor de 15 persoas de toda a provincia, aínda que os principais municipios de actuación son Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Redondela, Vigo, Cangas, A Guarda, Baiona, Ponteareas e Porriño.
Iniciado en 2011, o proxecto Practicum trata de identificar e crear novas posibilidades de ocupación que faciliten a inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental, ao tempo que pretende eliminar o descoñecemento e prexuízos existentes na sociedade sobre as súas capacidades laborais e produtivas.
Deste xeito, entre as actividades principais do programa destacan a selección, estudo e valoración das persoas candidatas; a orientación e asesoramento individualizado no proceso de inserción laboral; a formación en novas tecnoloxías; o emprego de técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación; a práctica de hábitos que facilitan o acceso e mantemento do emprego e a formación no posto de traballo. Ademais, este ano destaca a creación do Club de Emprego, en cuxas reunións os participantes intercambian información, experiencias, impresións e ofertas de traballo.
A metodoloxía do proxecto Practicum partiu dunha fase inicial de identificación e selección dos sectores de actividade e postos de traballo para a posterior creación dunha base de datos das empresas. A partir de aí estableceuse o contacto con elas e procedeuse ás entrevistas de información primeiro e de mantemento ou negociación despois. Finalmente, as persoas participantes no programa están a levar a cabo os seus respectivos empregos con apoio, contando tamén con titorías e técnicas de traballo en grupo.
O proxecto Practicum, que conta cun período de actuación dun ano natural, avalíase medindo a cantidade de acordos e convenios asinados con empresas, persoas usuarias que accederon á realización das prácticas non laborais, insercións acadadas, empresas visitadas e grao de satisfacción das persoas usuarias e das empresas. Deste xeito, no 2020, ano especialmente complexo marcado pola irrupción da COVID-19, participaron no proxecto Practicum un total de 12 persoas usuarias, das cales 4 lograron un contrato de traballo ao finalizar as súas prácticas. Por outra banda, no devandito ano asináronse 4 novos convenios de colaboración con empresas.