O presidente da Deputación, Diego Calvo, asinou un convenio de colaboración coa Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña (APEM) que formaliza unha subvención de 200.000 euros para financiar a ampliación e rehabilitación do centro Los Chopos do que dispón a agrupación na Coruña. O presuposto total da obra ascende a 741.877 euros do que, polo tanto, máis do 26% será financiado polo organismo provincial. A reforma do inmoble permitirá atender a 70 persoas máis nas instalacións.
Diego Calvo recordou a vinculación que mantén a Deputación con APEM dende hai anos e destacou o labor que realiza a entidade na provincia, xa que atende a máis de 550.000 habitantes en todo o territorio.
Pola súa banda o presidente da asociación, Luis Muruzabal Arlegui, que foi o responsable de asinar o acordo, explicou que a actividade diaria que desenvolve esta institución é un importante traballo de prevención: “Está demostrado que a xente que está na nosa rede de atencións reduciu dunha forma considerable os seus ingresos en agudos, o cal non só é un avance polo duro que resulta para eles e a súa familia, senón porque ademais é un aforro para a sanidade pública xa que eses ingresos son moi custosos”.