Durante o pasado ano, a asociación Avelaíña levou a cabo o Proxecto Achego subvencionado pola Consellería de Política Social, onde se puido constatar a inexistencia e precariedade dos recursos da zona, agravados pola escasa comunicación en transporte público entre as súas localidades, na súa maioría rurais. Como consecuencia, atopáronse numerosos casos de persoas con problemas de saúde mental sen unha atención especializada e numerosos casos sen diagnosticar, con familias desesperadas ante esta situación.
“Hai unha clarísima falta de recursos e moitísimas persoas aínda sen atender e diagnosticar, detectando unha alta porcentaxe de risco de suicidios, situación que é moi grave”, lamenta o xerente da Avelaíña, Rafa Álvarez. Por todo iso, remarcou a necesidade de recursos sociosanitarios e máis compromisos en saúde mental nestas comarcas.
Ante esta situación, Avelaíña desprazou un equipo sociosanitario composto por unha psicóloga e unha traballadora social para prestar un servizo mínimo de apoio, información e asesoramento a persoas afectadas e ás súas familias. Todas as persoas interesadas poderán ser atendidas, previa cita, en horario de 9h a 14h, os luns e mércores no Centro Social de Ponteareas e os xoves no Centro de Saúde de Cañiza.
Avelaíña prestará este servizo, con recursos propios, ata principios de abril, tempo durante o cal acudirá aos Concellos, Xunta de Galicia e Deputación para buscar unha solución e poder abrir unha Unidade de Apoio Comunitario e un Equipo de Atención Domiciliaria en saúde mental; servizos básicos e urxentes actualmente nestas comarcas.
Avelaíña, referente en saúde mental
Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu como asociación de familiares no ano 1997, co obxectivo de converterse nun sólido punto de apoio para as persoas con enfermidade mental e as súas familias. Desde a súa orixe, Avelaíña reivindicou a necesidade de mellorar a calidade de vida de persoas con enfermidade mental e familiares como paso fundamental para a súa inclusión na comunidade na súa condición de cidadáns de pleno dereito.
Neste senso, os programas que leva a cabo Avelaíña son innumerables, desde o Servizo de Rehabilitación Psicosocial, un piso protexido con catro residentes, os Programas de Respiro Familiar, actividades da vida diaria e os servizos de orientación á comunidade. As persoas con problemas de saúde mental participan de forma diaria en talleres de prensa, informática, formación de adultos, actividades psicofísicas, entre outros. Tamén os seus familiares reciben atención dos profesionais de Avelaíña a través das consultas, do servizo de orientación e a atención domiciliaria.