Skip to main content
Entre 30 e 40 persoas sen fogar residen en Lugo de forma permanente, mentres que a poboación itinerante de sen teito -xente que pasa uns días na cidade, aínda que pode visitala máis dunha vez ao ano- é moito maior e supera amplamente os 200.
A metade das persoas sen fogar padece algún tipo de enfermidade mental. O programa Espertar da Asociación Lucense de Enfermidade Mental (Alume), en colaboración con Cruz Vermella, fai seguimento a entre 15 e 20 persoas. O presidente de Alume, Manuel Fernández Prado, explica que o obxectivo último do proxecto é a rehabilitación “sanitaria e social” desas persoas, pero o mínimo é que esas persoas estean diagnosticadas, sigan o tratamento prescrito e poidan acceder a recursos que xa existen e dos que non fan uso precisamente pola súa enfermidade.
Cando Alume e Cruz Vermella puxeron en marcha o programa de atención aos sen teito que teñen unha enfermidade mental, unha das cousas que se fixo evidente case enseguida foi a implicación de moitos veciños que só coñecían aos enfermos de vista. “Podería parecer que a xente vía a unha persoa na rúa e non facía nada, pero é porque non sabía que facer; cando o sabe, faio”, explica Manuel Fernández Prado.
Hai hostaleiros e comerciantes que fan o seguimento da medicación dalgúns enfermos. “Mesmo algún ten o pastillero para administrarlla ou adianta diñeiro para os medicamentos se é preciso”, explica. Esa axuda resulta de vital importancia porque ven a esas persoas a diario e están en condicións de preguntarlles “se tomou a medicación ese día”, di. Ao mesmo tempo, proporciona ao persoal de Alume información moi valiosa: se ven ao paciente mal ou se deixan de velo un tempo.
No caso das persoas sen fogar, contar cunha rede que proporcione esa clase de apoio é moi importante. Se, ademais, trátase de persoas con enfermidade mental é vital, xa que permite evitar abandonos de tratamentos e novos brotes da enfermidade e facilita a adherencia ao tratamento.