O proxecto Fear of Missing Out segue crecendo e mostra diso é a exposición Disorders que vén de presentarse en Cervo, unha mostra que inclúe os cadros orixinais que ilustran o libreto do disco que leva o mesmo nome.
A Casa da Cultura de San Ciprián é o primeiro lugar que acolle esta exposición, que posteriormente visitará outras localidades galegas. Onte, luns 10 de xuño, celebrouse o acto de inauguración da mostra coa presenza de Alfonso Villares, alcalde de Cervo, e Dolores García Caramés, concelleira de Cultura.
Tamén estiveron presentes Ana Escrigas, responsable de Comunicación de Saúde Mental FEAFES Galicia; María José Novoa, directora técnica da asociación A Mariña; e Xolo, pintor participante na mostra. Todos eles estiveron acompañados por persoas usuarias e familiares da asociación A Mariña, que tamén acudiron ao acto.
Na súa intervención, Villares destacou a importancia de promover iniciativas como esta para visibilizar a saúde mental e as capacidades das persoas que teñen un problema desa índole, á vez que mostrou o seu orgullo por contar con persoas talentosas na comarca como é o caso de Xolo. Tras a presentación da mostra, houbo un aperitivo por cortesía do Concello de Cervo, a quen queremos agradecer a súa implicación e acollida.
A mostra poderase visitar na Casa da Cultura de San Cirpián ata o 28 de xuño. Posteriormente, a exposición Disorders percorrerá outras localidades galegas, facendo parada na biblioteca Ánxel Casal (Santiago de Compostela) do 2 ao 16 de setembro, e no Fórum Metropolitano (A Coruña) do 2 ao 16 de novembro. Está prevista tamén a súa estancia en Vigo e en Cangas do Morrazo, cuxas salas e datas confirmaranse proximamente.
Disorders, un proxecto artístico multidisciplinar
Fear of Missing Out é un proxecto impulsado por Carlos Morales que pretende dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa partindo dun disco como proposta inicial. Con todo, a iniciativa tomou vida propia e acabou derivando en Disorders, un proxecto artístico multicisciplinar no que participaron múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo.
A parte plástica do proxecto naceu coa vontade de ilustrar o libreto do disco, para o que Carlos Morales contactou con Saúde Mental FEAFES Galicia. Así, catro persoas usuarias desta entidade e das súas asociacións membro realizaron un total de 14 cadros: Xolo, da asociación A Mariña (Cervo); Mª Reyes Fragueiro, de Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo); e Michel e Ith, de DOA Saúde Mental (Cangas do Morrazo).
Por tanto, as obras que compoñen esta mostra ilustran as cancións do disco Disorders, cada unha das cales está inspirada nun problema de saúde mental contado desde a propia experiencia dos autores. Deste xeito, os cadros ilustran doenzas como a depresión, a esquizofrenia ou trastorno bipolar, entre outros. As obras están realizadas en diversos soportes e utilizando técnicas variadas, desde óleo sobre lenzo ata bolígrafo sobre papel, incluíndo outras técnicas como acuarela, rotulador ou lapis.