Skip to main content
As redes EAPN para a Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social en toda España e as súas máis de 4.000 entidades membro acaban de lanzar a campaña #EmergenciaVivienda: Polo dereito a unha vivenda digna, adecuada e accesible, para chamar a atención sobre a emerxencia residencial e habitacional na que viven máis de 11 millóns de persoas en España. Unha problemática á que apenas se lle deu resposta nos últimos anos desde as administracións públicas.
A gravidade da situación é especialmente preocupante en Galicia. En palabras da presidenta de EAPN Galicia, Eloina Ingerto, «a vivenda é o primeiro. Non hai día en que nas nosas organizacións non escoiten este berro. Por iso síntome na obriga de recoñecer a nosa frustración e mesmo impotencia por non estar a ser capaces de transmitir coa gravidade que merece a situación de emerxencia residencial na que viven miles de familias galegas. É imposible unha reactivación económica e social se non se multiplica o investimento en vivenda digna e accesible».
 
Antes da pandemia, Galicia xa era a comunidade autónoma en peor situación, cun 35% da súa poboación, case un millón de persoas, afectadas por algún indicador de exclusión en vivenda, fronte a un 23,7% estatal. Estes indicadores inclúen infravivenda, graves deficiencias na construción, insalubridade, amontoamento, tenencia da vivenda en precario, contorna degradada, fogares con barreiras arquitectónicas ou gasto desproporcionado en vivenda fronte a ingresos. Esta porcentaxe, pola súa banda, elévase ao 66% na poboación en exclusión severa.
A pandemia da COVID-19 e o aumento do gasto no acceso á vivenda están a agravar significativamente esta emerxencia, a pobreza e privación material. Están a aumentar as persoas afectadas por atrasos nos pagos relacionados coa vivenda (hipoteca, alugueiro, recibos, pobreza enerxética), pero obrigando a moitas familias a ter que priorizar estes gastos sobre outros como a calidade da súa alimentación. Así, máis de 400.000 galegas e galegos, o 14,9% da poboación, non podían permitirse no 2020 unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días. 162.000 persoas máis que no 2019.

Incrementar o orzamento e a coordinación para facilitar o alugueiro social

Ante esta emerxencia, a futura Lei Estatal polo Dereito á Vivenda e o Plan Estatal de Acceso á Vivenda, así como fondos como os NextGenerationUE, representan unha oportunidade para asegurar a función social da vivenda en todo o territorio e atender a necesidade de acceso a unha vivenda digna, adecuada e accesible que garanta a calidade de vida e os dereitos fundamentais das persoas. Como é o caso, igualmente, do Pacto pola Vivenda de Galicia 2021-2025.
A campaña #EmergenciaVivienda denuncia que na maioría das comunidades autónomas e municipios existe unha clara falta de asignación orzamentaria, así como de políticas e medidas fortes e cohesionadas que apontoen o dereito á vivenda e reclama en toda España, pero de forma especial en Galicia, considerar o investimento en vivenda digna e accesible como obra pública prioritaria.
É urxente aumentar o orzamento do Instituto Galego da Vivenda e do Solo (IGVS) da Xunta de Galicia e que este se execute na súa totalidade. O esforzo deste departamento e o seu persoal non pode afrontar evidencias como que as 3.534 vivendas do parque público de vivenda para alugueiro social en Galicia no 2019 só supoñan o 0,32% das vivendas principais, 3 veces menos que a media estatal do 0,96% e 30 veces menos que no conxunto da Unión Europea (9,3%). Ou que o 40% das vivendas actuais necesitan melloras de accesibilidade.
Calquera organización do Terceiro Sector que queira sumarse á campaña #EmergenciaVivienda, pode asinar o manifesto na web: www.participacionsocial.org/ermergenciavivienda

Xornada: Asegurando o dereito a unha vivenda digna, adecuada e accesible

O 30 de setembro,  EAPN Galicia organiza esta xornada técnica que ten como obxectivo proporcionar un espazo de reflexión e diálogo entre profesionais das administracións públicas, entidades do Terceiro Sector e outros axentes sociais que traballan para promover a inclusión de persoas vulneradas. Nesta xornada xa está confirmada a presenza, entre outras, de representantes da Valedoría  do Pobo, do Instituto Galego da Vivenda e do Solo, da Consellería de Política Social ou da Asociación Galega de Inmobiliarias (AGALIN).