Skip to main content
A Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA) asinou un convenio de colaboración coa Federación de Saúde Mental Galicia (FEAFES) e Obra Social “la Caixa” para fomentar a integración laboral de persoas con problemas de saúde mental e promover accións de responsabilidade social empresarial.
Asistiron ao acto Javier Pérez Bello, presidente de FEAGA; Xosé Ramón Girón, presidente de FEAFES Galicia; Juan Ignacio Domínguez, director de banca retail de CaixaBank; e Carlos Rosón, director de Igaxes3.
Esta colaboración enmárcase dentro do programa Incorpora de Obra Social “la Caixa”, a través do cal se fomenta a inserción no mundo laboral de persoas en situación ou risco de exclusión, como parados de longa duración, ex reclusos, mozos en situación de vulnerabilidade, persoas con discapacidade, inmigrantes e vítimas de violencia de xénero, entre outros colectivos.
A Federación de Autónomos de Galicia é unha organización constituída para loitar pola defensa, promoción e dignificación dos traballadores autónomos, prestando servizos de orientación e asesoramento, captación de ofertas e demandas de emprego, cursos de formación, etc. Esta entidade colaborará co programa Incorpora mediante o fomento da contratación e formación de persoas con problemas de saúde mental e co impulso de accións concretas no ámbito da responsabilidade social empresarial.
Pola súa banda, FEAFES Galicia será a entidade social de referencia para FEAGA no marco do programa Incorpora, facilitándolles usuarios preparados para os postos de traballo requiridos, brindando información e asesoramento á empresa sobre a contratación de persoas con problemas de saúde mental e facendo un seguimento dos traballadores nos seus postos de traballo.
A través do programa Incorpora, FEAFES Galicia levará a cabo un labor de prospección, información e asesoramento especializado á Federación de Autónomos de Galicia sobre subvencións e axudas á contratación e á creación de emprego para persoas con especiais dificultades de inserción, neste caso con enfermidade mental.