Skip to main content
O 30 de xaneiro, o Fórum Metropolitano da Coruña acolleu o acto de clausura e entrega de diplomas do Punto Formativo Incorpora 2016, unha acción impulsada por Obra Social “la Caixa” no marco da cal se desenvolveu un curso de “Auxiliar de dependente, caixa e reposición” e outro de  “Experto en limpeza de inmobles”.
O acto comezou ás 10:00 e a el acudiron 18 alumnos de ambos cursos, representantes das empresas colaboradoras Os Pequerrechos e Eulen, técnicos das entidades sociais COGAMI, Juan Soñador, Érguete e Igaxes, así como outros acompañantes dos alumnos.
Ao comezo do acto fíxose unha presentación sobre o Programa Incorpora de Obra Social “la Caixa” e os seus puntos formativos, expoñendo tamén os resultados acadados na Coruña durante o 2016. Nos dous cursos realizados participaron un total de 21 persoas, das cales 7 lograron acceder a un emprego unha vez rematada a formación.
Tras esta introdución, houbo unha mesa de debate con rolda de preguntas na que participaron unha coordinadora da empresa Pequerrechos, colaboradora no curso de limpeza, e unha das alumnas que realizou as súas prácticas nesta compañía. Para finalizar, realizouse unha entrega de diplomas a todos os alumnos do Punto Formativo Incorpora 2016 da Coruña e deuse paso a un espazo de charla informal entre os distintos asistentes.