Skip to main content
A Fundación Barrié e a Secretaría Xeral de Institucións Penais anunciaron hoxe a firma de dous novos convenios de colaboración que regularán para o período 2020-2023, os programas de Apoio a Módulos e Actividades Educativas e de Atención a Persoas con Enfermidade Mental en todos os centros penais de Galicia.
Os programas contan cun investimento total de 994.345,08 euros, o que supón preto dun 25% máis que a cantidade achegada no período anterior. Da devandita cantidade, a Fundación Barrié achega o 56% (559.977,08 €); Fundación Roviralta o 12% (120.000 €); Saúde Mental FEAFES Galicia o 13% (131.424 €); Fundación Érguete-Integración o 8% (82.368 €) e Asociación Érguete o 10% (100.576 €). 
A colaboración esténdese aos cinco Centros Penais galegos, aos Centros de Inserción Social (C.I.S.) Carmela Arias e Díaz de Rábago da Coruña e Carmen Avendaño de Vigo, así como ao desenvolvemento de actividades educativas para a comunidade escolar de Galicia. Trátase dunha iniciativa pioneira como modelo de colaboración entre o ámbito público e privado na que a Fundación Barrié asume a iniciativa, a coordinación e o seguimento dos programas participados por Institucións Penais, Fundación Roviralta, Saúde Mental FEAFES Galicia, Fundación Érguete-Integración e Asociación Érguete. 
A presentación contou coa intervención de José María Arias Mosquera, Presidente da Fundación Barrié; Ángel Luis Ortiz González, Secretario Xeral de Institucións Penais, e Xosé Ramón Girón, Presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia. Pechou o acto o Delegado do Gobierno en Galicia, Javier Losada. Ao acto asistiron tamén o Director Xeral de Execución Penal e Reinserción Social da Secretaría Xeral de Institucións Penais, Miguel Ángel Vicente, así como os directores dos cinco centros Penais de Galicia e do C.I.S. da Coruña.
Os dous programas, obxecto dos convenios que hoxe se presentaron, desenvólvense nos diferentes graos e seccións do ámbito penal en Galicia e teñen enfoques diferentes dentro dun mesmo obxectivo, a reinserción. A Fundación Barrié, consciente da importancia de axustar os programas ás necesidades actuais, introduciu unha serie de novidades que permitirán aumentar o impacto na reinserción de persoas privadas de liberdade. 
Así, e por primeira vez, o programa de Apoio a Módulos e Actividades Educativas inclúe o curso de preparación das probas de avaliación en competencias clave (lingua galega, matemáticas e lingua castelá), co fin de facilitar o acceso ao emprego a internos de segundo grao que carecen do título da E.S.O. A través desta proba, os participantes do curso poderán demostrar que posúen as competencias clave requiridas para obter o certificado de profesionalidade do Servizo Público de Emprego Estatal, un requisito mínimo esixido para acceder aos ciclos de Formación Profesional. Ademais do curso de preparación, o programa inclúe a posibilidade de realizar a proba no centro penal. 
Con respecto ás principais novidades para o período 2020-2023 do programa de Atención a Persoas con Enfermidade Mental nos Centros Penais de Galicia, destaca a extensión da intervención nos módulos de illamento e a incorporación progresiva de mulleres ao programa.