A Fundación do Instituto Galego de Trastornos de Déficit de Atención e Hiperactividade e Trastornos Asociados (Ingada), creada por profesionais de prestixio no campo da psicoloxía, pedagoxía e o dereito como o doutor Anxo Carracedo que preside o seu padroado, recibiu o II Premio José Luís Muruzábal para experiencias innovadoras no ámbito da saúde mental.
O galardón recoñece o proxecto de Indaga de actuación integral no campo da saúde mental, que inclúe dende asistencia integral a pacientes e familiares á investigación, a formación de profesionais (especialmente profesores de centros de ensino), actividades lúdicas e de tempo libre.
O premio foi entregado o pasado 15 de outubro nun acto que tivo lugar en Santa Cruz de Oleiros, organizado polo Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio As Mariñas coa colaboración da asociación Apem. Tras unha mesa redonda baixo o título “O ingreso non voluntario do paciente psiquiátrico”, José Luís Santiso Miramontes, presidente do Consorcio As Mariñas, entregou o II Premio José Luís Muruzábal ao proxecto gañador da edición deste ano.
Nesta edición presentáronse un total de 6 proxectos de distintos puntos da comunidade autónoma que abordan a integración dende o ámbito educativo, laboral, deportivo, etc. O proxecto gañador, ademais de recibir os 2.000€ cos que está dotado o premio, foi presentado a toda as persoas que asistiron ao acto.