O proceso de incapacitación xudicial e a forma en que este opera, pasa por ser moitas veces un gran descoñecido tanto para as persoas con enfermidade mental, coma para os seus familiares e mesmo para os propios operadores xurídicos.
Como consecuencia diso, a xa de por si difícil decisión de iniciar o trámite de incapacitación transfórmase nun longo e angustioso camiño ao que se enfrontan tanto a propia persoa que vai ser incapacitada como os seus familiares e o ámbito máis próximo. Por iso, dende a Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia, decidimos expoñer brevemente algunhas das claves sobre como opera o trámite de incapacitación xudicial co obxectivo de despexar algunhas das dúbidas que frecuentemente se nos formulan.
Incapacitación xudicial e Dereitos Humanos
Ante todo, resulta necesario sinalar que un procedemento de incapacitación implica a restrición de Dereitos Fundamentais, razón pola cal configúrase legalmente como un proceso dotado das máximas garantías, con especial atención á intervención do Ministerio Fiscal como salvagarda dos dereitos das persoas. As devanditas garantías atópanse reflectidas na regulación que o propio Código Civil e a Lei de Axuizamento Civil fan do proceso de incapacitación.
A este respecto, sinalar que o Código Civil no seu artigo 199 establece: “Ninguén pode ser declarado incapaz, senón por sentenza xudicial en virtude das causas establecidas na Lei”. Á súa vez, e como causas de incapacitación, dispón no artigo 200: “Son causas de incapacitación as enfermidades ou deficiencias persistentes de carácter físico ou psíquico, que impidan á persoa gobernarse por si mesma”.
Como requisito esencial da Sentenza, sinalar que esta debe pronunciarse con claridade sobre a extensión e límites da incapacidade, de forma que non caiba unha incapacitación “xenérica” da persoa para todos os actos da vida diaria, senón axustada a aqueles actos para os que se atopa realmente impedida, sen limitar a súa capacidade máis alá do que a súa enfermidade requira. Así o dispón o propio artigo 760 da Lei de Axuizamento Civil, e no mesmo sentido pronúnciase a propia Convención das Nacións Unidas sobre dereitos das persoas con discapacidade do 13 de Decembro de 2006, instrumento este último que supón o piar fundamental de toda a lexislación actual en materia de discapacidade, e que xuridicamente veu a completar á Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
A figura do titor e do curador
Por outro lado, na propia Sentenza de incapacitación, ademais de determinarse o grao e extensión desta, débese proceder a nomear á persoa encargada de velar polos dereitos e intereses do incapaz, que o fará ben como titor ou como curador, figuras que contempla o Código Civil nos seus artigos 215 e seguintes, dependendo do grao e extensión da incapacidade:
Por un lado, no caso da tutela, podemos definir a súa función a grandes trazos como a de “suplir” a capacidade do incapaz que non pode intervir no tráfico xurídico, entendendo que un titor é nomeado nos supostos de incapacidade que poderiamos chamar total. Por outro lado, a curatela, cuxa función podemos definir como a de “completar” a capacidade do incapaz que non pode intervir en certos actos do tráfico xurídico, entendendo que un curador intervén nos supostos de incapacidade que poderiamos chamar parcial. Finalmente, sinalar como terceira institución a do defensor xudicial, persoa encargada de velar polos intereses do presunto incapaz, mentres durante a pendencia do procedemento.
Como afrontar o proceso de incapacitación
En canto ao procedemento de incapacitación en si, cabe sinalar que, con carácter xeral, teñen lexitimación para promover a incapacitación o presunto incapaz, o cónxuxe ou quen se atope nunha situación de feito asimilable, os descendentes, os ascendentes, ou os irmáns do presunto incapaz. Á súa vez, resulta especialmente importante destacar que, de non existir as persoas anteriormente mencionadas, pode promovela o propio Ministerio Fiscal, podendo poñer calquera persoa en coñecemento deste os feitos que poidan ser determinantes da incapacitación.
Respecto ao anterior e facendo fincapé na necesidade de extremar as garantías nesta clase de procedementos, a propia Lei de Axuizamento Civil no seu artigo 758 considera a posibilidade de que o presunto incapaz ou a persoa cuxa declaración de prodigalidade se solicita poidan comparecer no proceso coa súa propia defensa e representación, engadindo que, se non o fixesen, serán defendidos polo Ministerio Fiscal sempre que non fose este o promotor do procedemento; noutro caso, o Tribunal designará un defensor xudicial.
En canto ás probas, como particularidade deste proceso podemos sinalar o feito de que o propio tribunal oirá aos parentes máis próximos ao presunto incapaz, a este por si mesmo e acordará os ditames periciais necesarios. Respecto a isto último, débese poñer de manifesto a extrema importancia dos ditames dos facultativos, con especial importancia o informe do médico forense, que resultan vitais á hora de determinar a incapacidade. Neste sentido, a propia Lei de Axuizamento civil dispón: “Nunca se decidirá sobre a incapacitación sen previo ditame pericial médico, acordado polo tribunal”.
A incapacidade é para sempre?
Finalmente, e en relación á incapacitación, debemos sinalar que aínda que nun principio se contemple como unha situación permanente, o certo é que se trata dun proceso intimamente ligado á propia evolución do estado de saúde do incapaz e, neste sentido, a Lei de Axuizamento Civil prevé a posibilidade de modificar o alcance da incapacitación inicialmente establecido e mesmo reestablecer a capacidade das persoas. Así o sinala o artigo 761 da Lei de Axuizamento Civil, dando lexitimación para inicialo ás mesmas persoas que se atopan lexitimadas para comezar o trámite de incapacitación, destacando o feito de que tamén poida instalo o propio incapaz.
De todo o dito, podemos concluír que se trata dun proceso dotado das máis amplas garantías, onde nos atopamos cun dobre control que se manifesta a través da actuación do Xuíz encargado de ditar a Sentenza, así como tamén do Ministerio Fiscal e o Defensor Xudicial, encargados de velar polos dereitos do presunto incapaz, ao que hai que engadir a necesaria intervención do médico forense, sen esquecer a participación en todo o proceso dos familiares e do propio presunto incapaz.
Esperando que o exposto sexa de interese para os usuarios, familiares e profesionais, dende a Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia recordámoslles a nosa enteira disposición para resolver todas as dúbidas que poidan xurdir ao respecto así como a acompañalos ao longo de todo proceso de incapacitación.