Skip to main content

No marco do Programa Integrado de Emprego EM-Prégate, cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar, os membros do Club de Emprego de FEAFES Santiago tiveron onte unha sesión moi especial, dentro dos talleres organizados para capacitar ás persoas con enfermidade mental no seu proceso de busca de traballo.

José Manuel foi o protagonista dun coloquio no que contou, en primeira persoa, o seu caso persoal de inserción laboral. O seu é un exemplo de superación para os seus compañeiros, pois hai un ano atopábase na mesma situación que eles e agora pode dicir satisfeito que conta cun traballo que lle dá forzas para enfrontarse ao seu día a día. “O principal é que estou máis feliz comigo mesmo. Levaba uns anos no paro e faltábame unha motivación para levantarme, e cando isto sucede a cabeza dá moitas voltas. Ao volver traballar síntome moito mellor” conta convencido.

Despois de realizar varios cursos, en novembro José Manuel foi contratado como operario de lavandaría na empresa Ilunion – Flisa. “Eu tiña ganas de traballar. Ao ser un traballo físico só tiven que adaptarme os primeiros días porque ao principio foi un pouco canso, pero a integración foi moi cómoda e todo saíu ben” afirma.

A través da súa experiencia, José Manuel asesorou aos seus compañeiros sobre os pasos a seguir para conseguir un emprego, incidindo na importancia de non caer no desánimo e non perder a constancia. “Hai dous anos eu estaba moi desanimado así que empecei a facer cursos para estar ocupados e activo. Grazas ao empuxón de FEAFES Galicia logrei moverme e presentarme a entrevistas, e así cheguei ata onde estou agora. Isto é unha montaña que se vai subindo pouco a pouco”.

José Manuel contou tamén cómo se enfrontou ao seu posto de traballo, beneficiándose das cousas boas que lle ofrecía e facendo fronte ás dificultades. “Ás veces, afrontar as situacións axúdate a quitar os medos que tiñas” sinalou; “se comparo como estaba hai dous anos e como estou agora, non o creo”.

Cando preguntamos a José Manuel que cualidades ten como traballador, el responde humildemente: “Supoño que cando me contrataron foi porque viron que eu podía facer o traballo; ao principio asinei un contrato de catro meses e despois renováronme porque estaban contentos comigo, así que supoño que non o debo de facer mal,”.

E sobre o seu futuro laboral? A resposta é contundente: “Ante todo, gustaríame ter traballo. E como na vida hai que ser inconformista pois ao mellor querería facer algo diferente, aínda que non teño moi claro o que… pero o que si sei seguro é que quero traballar”.

Despois de escoitar a experiencia de José Manuel, os membros do Club de Emprego de FEAFES Santiago tiveron a oportunidade de achegar as súas opinións, facer preguntas e contar as súas propias experiencias. Así, entre todos, lograron crear un vínculo de apoio para que enfrontar a busca de emprego sexa máis levadeiro e enriquecedor.