Carola Lago é un caso máis que demostra que as persoas con enfermidade mental están plenamente capacitadas para inserirse no mundo laboral. O ano pasado tivo a oportunidade de facer prácticas nun Centro Especial de Emprego, e este ano a empresa decidiu volver a contar con ela e facerlle un contrato.
“Traballar apórtame os ingresos que preciso, axúdame a relacionarme e a saír da casa” afirma Carola. Esta muller, usuaria de FEAFES Galicia e participante no Programa Integrado de Emprego EM-Prégate, cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar, asegura que a integración na empresa foi sinxela e que non tivo problema algún: “Acolléronme moi ben, aínda que xa me coñecían por ter feito prácticas durante dous meses”.
Adela López é a xerente do CEE e asegura que Carola adaptouse ó posto e á empresa con total normalidade. “O proceso de adaptación non foi nada complicado, realmente o que máis custa é combater o estigma que teñen as persoas en xeral cara este colectivo polo descoñecemento.” Adela considera moi importante que as empresas dean unha oportunidade ás persoas que o teñen máis difícil para atopar un posto de traballo, pois é deste xeito como poderemos lograr a inserción laboral deste tipo de colectivos.
Sobre o traballo de Carola, Adela destaca “o seu interese, esforzo e desexo de facelo ben. Mesmo a súa motivación e rendemento son maiores”. Carola asegura de si mesma que é “unha persoa traballadora, puntual e responsable”, algo que lle axuda a ser eficaz e competente no seu posto de traballo. Ademais, resalta que o clima é moi favorable e que a relación cos compañeiros é boa, sen esquecer unhas palabras de agradecemento para a súa encargada: “é moi cariñosa e sempre me axuda no que preciso”, afirma Carloa.
Durante todo este proceso de inserción laboral, FEAFES Galicia realizou unha tarefa de asesoramento e acompañamento tanto á empresa como á usuaria. “O ano pasado, FEAFES Galicia presentoume como candidata para facer as prácticas e deume a posibilidade de que a empresa me coñecese. Así tiven máis posibilidades de ser contratada agora”, comenta Carola. Adela, pola súa parte, sinala que “a relación con FEAFES Galicia é bastante fluída, recibimos asesoramento e apoio cando o precisamos e existe boa comunicación entre os técnicos da Entidade e os nosos traballadores”.
Non cabe dúbida de que grazas a este traballo, Carola síntese máis realizada e útil na sociedade. Cando lle preguntamos polo seu futuro laboral, ela contéstanos que lle gustaría “manter o emprego nesta empresa e mesmo poder aumentar as horas”. Traballar nunha lavandería ou como dependenta de comercio son outras das posibilidades que non descartaría, mais, en todo caso, nunca querería deixar de traballar.