Skip to main content
A asociación de saúde mental A Mariña ven de convocar o I Certame de Logotipos “Galletas Mariñas” coa fin de elixir a imaxe corporativa dun novo produto elaborado no marco do proxecto de integración na comunidade “Cociñeiros da Saúde Mental”.
Dito proxecto, liderado pola chef Lola Rouco, deu como froito as primeiras Galletas Mariñas, que están á venda nunha edición limitada para o Día do Pai, que se conmemora o 19 de marzo, coa fin de converterse nun bo agasallo para dita celebración e un aliciente para as persoas usuarias da asociación que participan na iniciativa.
De forma paralela á saída ao mercado das galletas, a asociación A Mariña convocou un concurso para elixir o logotipo deste produto. Con este certame, que conta cun premio de 600€ para a persoa gañadora, búscase consolidar a marca dunhas galletas exclusivas e produto  delicatessen.  
Cinco persoas vinculadas coa asociación serán as encargadas de elixir o logotipo gañador, para o que tamén se abrirá en Facebook unha campaña de votación entre todas as solicitudes.  
As persoas interesadas en participar poden presentar os seus deseños ata o 30 de abril, enviando as súas propostas a asociamarina@telefonica.net, acompañadas dos datos persoais do autor ou autora. O fallo darase a coñecer no mes de maio e as bases pódense consultar aquí.  

Cociñeiros da Saúde Mental

A elaboración destas galletas forma parte do proxecto Mental Health Chefs (Cociñeiros da Saúde Mental) no que se embarcou a entidade coa fin de ampliar as propostas das persoas internas. É no centro residencial de Cervo onde se realiza todo o proceso, a cargo de varios dos seus usuarios e usuarias, baixo a coordinación da chef Lola  Rouco, viveirense que traballou varios anos con Martín Berasategui. 
O taller creouse este mesmo ano coa fin de ampliar as actividades do colectivo e, nun breve espazo de tempo, púxose en marcha con todos os permisos e requisitos sanitarios necesarios. Só un reducido grupo de persoas internas forma parte do taller culinario, aínda que son moitas máis as que participan do proxecto noutros mesteres.
As galletas venderanse ao prezo de 5€  empaquetadas nunhas caixas especiais, tamén confeccionadas polas persoas usuarias, entre as que se poderán elixir varios modelos, cos que aspiran tamén a sorprender aos seus receptores e receptoras. 
Estes primeiros doces, con forma de corazón e sabor a chocolate, poderanse adquirir no Lugar das Marías (Xove); Regal Fontenova (Viveiro), Casa da Avoa (Burela), A Campanilla (Cervo), A Sacabeira (Sargadelos) e A Aldea de Manín (Ribadeo).”Todos eles aceptaron a nosa colaboración desde o primeiro momento, o que é moi de agradecer, porque a recadación será íntegra para a entidade”, lembra a súa directora técnica María José, quen confía en ir ampliando os puntos de venda nun futuro a outros lugares da comarca.