Skip to main content

A Asociación A Mariña inaugurou o pasado venres a súa segunda unidade residencial para persoas con problemas de saúde mental.

O venres 4 de outubro, a Asociación Saúde Mental A Mariña inaugurou a súa segunda Unidade Residencial para persoas con trastorno mental severo en Cervo.

Ao evento acudiron o Conselleiro de Sanidade, D. Antonio Gómez Caamaño; o Conselleiro do Mar, D. Alfonso Villares, e a Acaldesa de Cervo, Dna. Dolores García Caramés. Tamén se achegaron máis de 200 persoas sensibilizadas coa saúde mental. Entre elas atopábanse persoas traballadoras da asociacións, representantes de outras entidades de saúde mental e persoas usuarias de A Mariña.

A asociación agradeceu a tódalas entidades implicadas, especialmente ao Concello de Cervo e á Xunta de Galicia, a súa participación no evento. A directora técnica da asociación, María José Nóvoa, sinalou “a necesidade de contribuír na sensibilización e visibilización do colectivo e da saúde mental, así como a de loitar contra un estigma aínda presente na sociedade”.

O acto comezou ás 12h30 e tras a intervención das autoridades presentes, destapouse a placa conmemorativa e as persoas asistentes puideron desfrutar duns aperitivos ao son dos “Acordeonistas da Mariña”.

A Residencia Resort Saúde Mental A Mariña

A nova Unidade Residencial de Saúde Mental está situada na Praza do Souto, no corazón de Cervo. Un lugar privilexiado onde as 20 persoas que poderían residir neste centro estarán inmersas nas actividades diarias da vila.

A residencia está preparada para acoller a persoas con enfermidade mental crónica.  Persoas que, sendo autónomas ou tendo unha dependencia moderada, non presentan graves problemas de mobilidade.

Dispón dun salón comedor, catro cuartos de baño nas zonas comúns, cociña industrial totalmente equipada, habitacións dobres con cuartos de baño privados, sala de reunións e de técnicos, sala de estar, sala de actividades e patio exterior. Un enclave especial para garantir unha vida de calidade con apoio profesional as 24h do día.

Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, queremos felicitar á Asociación A Mariña, ás persoas usuarias, ás súas familias e persoas achegadas, a Xunta Directiva e, por suposto, ós seus traballadores e traballadoras, pola inauguración deste novo centro  que lles permitirá seguir co seu traballo incansable a favor da saúde mental

Parabéns!