Skip to main content
A Xunta pon en marcha a primeira vivenda tutelada especializada para mulleres vítimas da violencia de xénero con enfermidade mental, tal e como indicou onte o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no acto de presentación que tivo lugar na sede da asociación A Mariña en Cervo.
Alfonso Rueda, acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e dos alcaldes de Cervo e Burela, Alfonso Villares e Alfredo Llano, explicou que se trata da primeira vivenda destas características que se pon en marcha en Galicia, sendo outra das medidas levadas a cabo ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Por parte da asociación anfitrioa estiveron presentes María José Nóvoa, directora de A Mariña; e Jorge Manchado, presidente de A Mariña; ademais de múltiples persoas traballadoras e usuarias da asociación e os representantes de Saúde Mental FEAFES Galicia.
A vivenda contará con 4 prazas e prestará unha atención integral ás mulleres con enfermidade mental que padecen violencia de xénero, proporcionando apoio, aloxamento, manutención ás mulleres e aos seus fillos e fillas.
Este recurso complementa a Rede Galega de acollemento, que conta con vivendas nos concellos de A Coruña, Lugo, Ourense, Culleredo e Ferrol e o CEMVI (Centro de Emerxencia de Vigo), que levan atendidas a 2.400 persoas (mulleres e os seus fillos e fillas) ata 2017.
Dende a asociación A Mariña aseguran que “oxalá este dispositivo non fose preciso e tivésemos unha sociedade na que a lacra da violencia de xénero fose erradicada, pero o noso colectivo non pode mirar cara outro lado e queremos poñer o noso grao de area para a mellora da calidade de vida das mulleres vítimas de violencia de xénero que teñen unha enfermidade mental”.