Skip to main content
O venres 14 de decembro tivo lugar na sede da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA a entrega de premios do Concurso de Felicitacións de Nadal, organizado desde fai dezaseis anos por esta entidade co patrocinio de Janssen no marco da iniciativa “Expresión artística pola integración”.
Este acto serviu para demostrar que “a arte é unha manifestación do que somos, desa parte de nós que ás veces non logramos mostrar aos demais se non é a través da música, a pintura, a escultura, ou calquera outra expresión artística”. Así o asegurou Nel A. González Zapico, presidente de SALUD MENTAL ESPAÑA, no seu discurso, quen ademais quixo dar as grazas a todas as “persoas do movemento asociativo que vos animastes a participar neste concurso, non só polo esforzo de realizar as obras, senón pola vosa xenerosidade, por deixarnos ver quen sodes e compartir a vosa visión do mundo connosco”. 
O xurado desta décimo sexta edición decidiu por unanimidade outorgar o primeiro premio a Ana Núñez da asociación madrileña AMAFE, cuxo deseño será empregado polo movemento asociativo reunido ao redor de SALUD MENTAL ESPAÑA para felicitar o nadal deste ano 2018.  Núñez, quen confesou que ata este concurso “non pintara en todo o ano”, quixo dedicar o seu premio aos seus “familiares e amigos, que sempre se involucran en todo o que fago e son os meus grandes críticos de Arte”.
Nestes mesmos termos expresábase o gañador do segundo premio extraordinario Miguel Villarino, da asociación galega A Mariña, quen quixo dedicar este recoñecemento “ás persoas con problemas de saúde mental e ás que cada día loitan ao seu lado”.  A tamén galardoada cun segundo premio Magdalena Manzanedo, dedicou o seu agradecemento á súa asociación, Saúde Mental Salamanca, “porque somos como unha gran familia” e porque sen o seu apoio “non participaría neste concurso”.
Esta cerimonia de entrega de premios reuniu ás gañadoras e representantes das súas asociacións, a membros da Xunta Directiva e persoal técnico da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, representantes de Janssen e persoas vinculadas co ámbito da saúde mental e a discapacidade.